Redacción
O director xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, Felipe Arias Vilas, vén de asinar a resolución pola que se incoa o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, do castro de Viladonga, en Castro de Rei. Nos vindeiros días publicarase no Diario Oficial de Galicia esta incoación, que implica que o xacemento conte xa co máximo grao de protección legal.
A resolución sitúa ao castro de Viladonga como un dos máis senlleiros e representativos da cultura castrexa, habitado principalmente en época romana. Chama a atención a monumentalidade do xacemento, un conxunto con croa, murallas, foxos e antecastro que constitúe un arquetipo formal de castro do interior de Galicia. Na resolución tamén se destaca a traxectoria como centro de investigación desde os anos oitenta ata a actualidade. A delimitación do castro de Viladonga como monumento comprende unha área de 96.270 metros cadrados, que inclúe o recinto castrexo, xunto cos parapetos, murallas e socalcos que forman parte do conxunto.
O seu contorno de protección chega aos 993.494 metros cadrados, e nel inclúense a Rodela de Valmonte, outro xacemento castrexo próximo. A incoación vén logo do estudo por parte dos técnicos da Consellería de toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por este departamento nos últimos meses, e da análise dos valores históricos e culturais do monumento. O resultado destes estudos é que a Dirección xeral de Patrimonio estima que o castro de Viladonga reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial.
A partires da publicación no DOG desta resolución, abrirase un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas. A Consellería pediralle opinión sobre a declaración a tres organismos consultivos. Cultura agarda que logo duns meses o proceso remate na declaración definitiva como Ben de Interese Cultural. Con esta resolución o castro de Viladonga converterase no terceiro poboado castrexo que acade o grao de BIC, logo dos de Santa Trega (A Guarda) e Elviña (A Coruña).
0 comentários :
Danos a túa opinión