Novas incógnitas


Antón Baamonde

Que nos deparará o novo goberno popular? Iso é unha incógnita. Hai que lembrar que cando Manuel Fraga retornou a Galicia non o fixo sen darlle un punto de sal e pementa á súa acción de goberno. Dende os desfiles de gaiteiros ata a idea da Administración única e a correlativa de reforma do Senado, Fraga intentou crear unha maioría natural asentada nun galeguismo morno, sen substancia efectiva, pero que sabía traballar ben os símbolos.

Dende aquela, moita auga ten pasado baixo o río. A dereita perdeu os seus complexos -aqueles que tiñan que ver co feito de ser unha transubstanciación do franquismo- e a hexemonía cultural da esquerda está en crise. A dereita practica hoxe non tanto un conservadorismo de corte tradicional como unha estratexia de mobilización constante, copiada dos vellos movementos de masas de esquerda e que ten os seus alvéolos na constelación de medios de comunicación -Intereconomía, Veo TV, Popular TV, a COPE, La Razón, El Mundo- que practican un xornalismo groso, demagóxico, pero moi eficaz á hora de acovardar á esquerda e ao nacionalismo democrático.

Agora ábrese un tempo que non é a continuidade coa época de Fraga senón algo novo, dunha dereita máis urbana pero non necesariamente máis urbanizada. A Galicia de hoxe está máis segmentada do punto de vista da ideoloxía. Veremos como esa división se acompasa co cambio social e se a esquerda e o nacionalismo conseguen crear un espazo de discurso propio ou se limitan a xogar no terreo minado dos seus opositores. Moi en concreto, será interesante observar se a nova Galicia con estándares de educación relativamente altos e oportunidades escasas -a Galicia na que os traballadores compoñen a ampla maioría social- se decanta e cristaliza en conservador ou buscará outro norte.

29 de mar. de 2009

1 comentários :

  • Obviamente o PP sin Fraga, xa non é o mesmo. máis non creo que seña para millor, como moito igúal de montaraz que a dereita de Madrid, polo tanto de alí virán as políticas que fará Feijóo.É preciso, ainda así dar tempo ó novo Executivo, para ollar o camiño que ten diseñado, que non vai ser mellor que o da épca Fraga.
    E efectivamente, saberemmos como reaccionará a cidadanía á hora de votar, máis urbana e polo tanto máis crítica, será cuestión de agardar e mirar os resultados.O cambio póde ser dentro de catro anos ou menos.Non vai ser Feijóo o que lle poña os cascabeis ó gato.
    De momento xa se está a desdecir nalgunha cuestión, como o caso do Galego (Lei aprobada polo PP).Mesmo algún articulista xa dí que se está a queimar antes de tempo.Veremos no que queda todo.

    31 de marzo de 2009, 11:15

Danos a túa opinión