O Museo do Mar de Vigo entre os máis visitados en 2008

Redacción

O Museo do Mar de Vigo consolidouse en 2008 como un dos máis visitados de Galicia. En total, máis de 60.000 persoas disfrutaron da exposición permanente e das temporais, ou participaron nas actividades programadas durante o ano. Os visitantes procederon de máis de vinte países, tan dispares como o norte de Europa, Estados Unidos ou América Latina, o que confirma que o recinto de Alcabre estase convertendo nunha das maiores atraccións turísticas de Vigo, e nun dos museos máis importantes de Galicia.

Un dos factores que inflúen na promoción do nome do Museo do Mar en todo o mundo, coa consecuente repercusión no número de visitantes, é a posta en marcha do seu espazo web, deseñado coas últimas tecnoloxías e onde pódese ver o contido das exposicións con imaxes de gran calidade, información audiovisual e unha estructuración clara e sinxela.

Entre as exposicións máis visitadas en 2008 atópase A memoria do mar, un dos proxectos máis ambiciosos e importantes dos levados a cabo polo Museo. O obxectivo era reunir unha gran base de datos coas fotografías persoais de centos de mariñeiros e as súas familias, repartidas por todo o litoral galego. Recolléronse 4.000 imaxes procedentes de máis de 200 doantes en 25 localidades da costa, que foron escaneadas in situ en alta resolución. Se contabilizaron unha media de 157 fotos por localidade, unha cantidade tan grande de material que obrigou á súa clasificación posterior por bloques temáticos que poden consultarse na web www.memoria.museodomar.com.

Durante a recollida de fotografías de A memoria do mar o Museo tivo coñemento da obra de José Rodríguez, coa que se editou o libro O futuro era inmenso. Memoria e fotografías dun tempo en Terranova, froito do traballo que o mariñeiro realizou nos anos 50 durante as súas mareas nos Grandes Bancos de Terranova. Así mesmo, o Museo do Mar inaugurou a exposición Onde o mundo se chama Terranova, na que se mostraron máis de 370 fotografías realizadas por biólogos embarcados na flota bacallaeira galega que faenaba na costa canadiense durante os anos 80. As visitas guiadas á illa de San Simón foron das iniciativas desenvolvidas polo Museo que máis éxito obtiveron entre o público. Tras un acordo coa Fundación Illa de San Simón, conseguiuse que multitude de persoas puidesen coñecer o arquipélago tras realizar unha travesía marítima, tamén guiada, dende o propio recinto de Alcabre.

Para os máis pequenos organizáronse gran variedade de actividades, como os Obradoiros de Nadal e os Obradoiros de Verán. Gozando dá praia, Coñecendo o mar ou Esculcar o Mar, foron algúns dos títulos que levaron os obradoiros, aos que puideron acudir centos de nenos durante as súas vacacións, e que foron dirixidos a ensinarlles a valorar o mar e gozar del respectándoo.

Baixo o título Observando o noso planeta para un mellor futuro, celebrouse tamén o Día Mundial de Meteoroloxía. Contando con profesionais da Asociación de Oceanógrafos de Galicia e co apoio loxístico da Facultade de Ciencias do Mar e do Instituto de Investigacións Mariñas, os asistentes aos talleres puideron comprobar os efectos da contaminación no medio mariño a través dunhas clases maxistrais teórico-prácticas.

Para rematar, o Museo do Mar, que a súa vez acolleu nas súas instalacións diversos encontros profesionais, participou directamente na organización da presenza galega, xunto a consellaría de Cultura e Deporte e a Federación Galega pola Cultura Marítima, na Festa Marítima Internacional de Brest, un dos eventos internacionais máis importantes da cultura marítima, que o pasado ano contou con Galicia como invitado de honor.

Pica aquí para visitar o seu web.

3 de mar. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión