Redacción
O profesor Avelino Abuin de Tembra, presidente do Pedrón de Ouro, finou onte en Compostela. Nado en 1931 no municipio coruñés de Dodro, estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e licenciouse en Filoloxía Románica. Catedrático de ensinos medios e técnico superior en Relacións Públicas, foi un dos fundadores do Padroado do Pedrón de Ouro e da Fundación Rosalía de Castro.
Abuín de Tembra era un destacado galeguista, autor de varias antoloxías sobre a obra de Rosalía de Castro, aínda que tamén publicou varios poemarios. No ano 1981 obtivo o premio Celso Emilio Ferreiro de poesía. Ademais colaboraba con diversas publicacións, como o xornal en lingua galega Galicia Hoxe e na Radio Galega, onde durante varios anos presentou un programa dedicado ás bandas de música.
Abuín de Tembra foi o creador dos Xogos Florais de Educación Media de Galicia (1963), dos Cursos Monográficos Manuel Peleteiro (1966) e fundador do Padroado Pedrón de Ouro (1964). Fundou a revista electrónica Galicia Viva (1999) e creou a Ruta Rosaliana. Compostelán de adopción, as rúas de Compostela aparecen en varios dos seus poemas e os seus nomes parecen converterse en lugares máxicos. A súa obra poética componse dos libros ''Camiños'' (1961), ''Home ao pairo'' (1974) e ''Roldas de Compostela'' (1981).
0 comentários :
Danos a túa opinión