Canguros


Paulo Naseiro

Amigo Manuel:

Agardo que cando recibas estas liñas esteas a disfrutar, no alén, da sempre alegre compaña de tantos literatos que poboan aquelas terras ignotas nas que moras desde que unha triste tarde de setembro, no que xa é para sempre o Día da Chaira, nos deixache.

Dirás que son un nugallán, e que xa era tempo de que pillase unha caneta e unha cuartilla para che poñer unhas liñas, pero é que, a verdade, non había moito que contar. Desta tampouco teño moitas novas. En realidade, unha nada máis: sobre os canguros da Terra Cha.

Si, liche ben. E non, non estou bébedo. En poucos días dous canguros do xénero marsupial foron atropelados por senllos automóbiles nas estradas chairegas. Andan os que saben algo do tema matinando de onde puideron saír estes animaliños, propios das antípodas e se hai algún máis aparte destes dous que compartiron o final de tantos dos nosos bichos, baixo as rodas dun coche.

Quero que o saibas, porque imaxino que ti pensarás, coma min, que non é unha cousa tan rara. Despois de todo, a Chaira é un mundo. Se temos eucaliptus e kiwis, por que non canguros. E agarda, a ver se calquera día podemos ver un koala agaduñando, feliz, polas árbores senlleiras do campo de Santa Sabela.

Indo ao chollo, como imaxino que farás tertulia diaria, entre outros, con Cunqueiro, gustaríame que lle falaras deste asunto. Coido que o mestre de Mondoñedo debe ser o único, no alén e no aquén, capaz de explicar de xeito cabal como é que chegaron estes saltaríns á nosa Terra Cha, e se só viñeron de turismo ou pensan en ficar e formar unha Colonia Marsupial Chairega.

Neste caso, sinto dicirche, o teu Terra Cha terá ficado, ao fin, incompleto. No futuro, poñamos en 2109, os mestres terán que explicarlles aos seus alumnos por que non aparecen os canguros na obra cume da nosa literatura, sendo un elemento tan definitorio da fauna propia, e sen embargo si saen vacas, aqueles animais prehistóricos que comían herba e fabricaban leite, e que seica naqueles lonxanos tempos eran unha fonte de riqueza para a comarca.

En fin. Xa me contarás. Recibe unha forte aperta.

P.D. Parece que, por fin, a obra completa do Guedelliñas vai ver a luz en breve. Non era sen tempo. Coido que che aledará sabelo.


4 de abr. de 2009

1 comentários :

Danos a túa opinión