(Re)cambio cultural


Moncho Paz

Todo parece indicar que na nova Xunta coexistirán Educación e Cultura na mesma Consellería, para a que xa soan varios nomes. Non é unha fórmula novidosa, pois atopámola tamén en outros gobernos autónomicos do Estado. De feito, hai trinta anos -en tempos da preautonomía de Rosón e Quiroga- xa había un departamento común que tiña ao seu cargo, entre outras competencias, o Servizo de Publicacións.

O Goberno de Feijóo9 debe ser capaz de innovar neste eido, sen esquecer a importancia que hoxe ten a investigación no desenvolvemento dunha sociedade moderna. É imprescindible que promovan políticas dinámicas, vistos os datos recentes: seis de cada dez galegos non visitaron nunca unha mostra e unha porcentaxe similar non cultiva o hábito da lectura.

Tampouco sabemos aínda onde figurará Política Lingüística no organigrama popular. O máis razoable é que siga en Presidencia; ese foi un dos grandes acertos do bipartito, que contribuiu a levar adiante iniciativas transversais, dirixidas a todos os cidadáns e non enmarcadas nunha Dirección Xeral de Educación. Chegou o momento do (re)cambio.
________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

3 de abr. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión