Pachi Vázquez, un erro


Antón Baamonde

Continúa o desconcerto no PSdeG e no BNG. Noqueados, ningún dos dous sabe qué facer, nin que dirección tomar. O PSdeG parece ter máis iniciativa, pero as decisións que vai tomando constitúen un erro total, absoluto. O seu desnorte é supino. Que o seu congreso fose convocado para o 25 de Abril, apenas a mes e pico da derrota electoral, dío todo. Non hai a mínima vontade de construír un discurso, de chamar á colaboración daqueles que poderían aportar ideas para a elaboración dun programa solvente, de repartir xogo incorporando novas voces: todo se reduce, unha vez máis, a quen se apresura a tomar o poder dentro da organización.

Pachi Vázquez, como é obvio, é o candidato do aparato, dos baróns -tal vez non de todos- e de Pepe Blanco. Aínda que Vázquez aspire a lexitimarse ante as bases a súa elección está viciada de orixe. Ao congreso presentaraselle, en realidade, unha opción precociñada, coa única opción a discutir os complementos. De renovación de ideas, de talante, de xeración ou de algo, nada de nada.

O PSdeG está abrindo unha fase de grande perigo, aínda que ninguén pareza darse conta. A frivolidade é total. Seguen sen entender que os electores necesitan candidatos que non clonen os da dereita. Doutra xeración e estilo. E, por suposto, cun fondo de esquerda eficaz claro, fiable. Dise que Blanco ve nel quen cubra a cadeira mentres os ciclos políticos en España se suceden. Ao parecer, agarda ser Ministro de Fomento e despois, dependendo do horizonte, aspiraría a presentarse en Galicia.

Pero esas hipóteses a longo prazo son estúpidas. Dende logo, o PSOE ten un horizonte moi complicado, e se non sabe maniobrar con acerto pode entrar en barrena, como o SPD, o PSF e, por suposto, o infausto PSI. Hai elementos de fondo electorais -a evolución de voto en Andalucía e, en xeral, en todo o sur de España-, atmosféricos -a forza do PP en Madrid e Valencia vai máis aló da conxuntura e indica o éxito da dereitización- e erros de horizonte -custes da coalición no País Vasco e o presumible retorno de CiU, despois da incapacidade de chegar a un acordo de lexislatura- que, sumados á dilapidación do que Fermín Bouza chama espazo estratéxico poden deparar xa non a perda das eleccións, senón un seísmo de graves proporcións no PSOE e, en xeral, na esquerda española.

O certo é que no PSOE existe unha certa tendencia á supoñer que eles son un partido chamado naturalmente a gobernar, case sen facer esforzo. É unha mentalidade que provén dos felices anos oitenta, das maiorías absolutas de Felipe González. Pero... ai!! ese é un tempo que xa non volverá.

6 de abr. de 2009

2 comentários :

  • É obvio, -cando menos para min-, que Psoe-BNG, tiveron errros de bulto para non repetir Goberno.....,ou así o quería o Psoe?.Tanto BNG como Psoe, non fixeron máis que desilusionar a aqueles que os apoiaron na anterior lexislatura, dando a sensación de continuismo; só o BNG demostrou dende as suas Consellerias "facer algo", cousa que non foi suficiente para amortiguar a sensación de soberbia dos socialistas, así como a campaña do PP de descrédito que non foi contestada dende o Goberno, nin con autoridade nin sin ela.O BNG deixouse levar pola política socialista de anulación da política nacinalista, ó tempo que lle daba as ó PP para pergeñar unha morea de falsedades.
    Si atendemos aos "particulares movementos" dos nosos socialistas e nacionalistas en Vilalba, calisquer dase conta do que temos, e como non nosoutros,-os Vilalbeses-, sabemos mellor que ninguén o que pasou na Galiza.
    Agora uns e outros andan a artellar xeitos de amañar a desfeita, máis nunca chegarán a estar en situación tan privilexiada como estiveron nas últimas eleccións.Nosoutros os votantes miraremos de perto o que fan uns e outros, non sen crítica, para iso os votamos.Si voltan ó poder na Xunta, que saiban que non é por eles en sí mesmo, senón pola nosa insistencia dende o Franquismo, en ter un Goberno de Esquerda que nos libere, e non nos deixe na deriva en que están inmersos eles, pouco preocupados por nós e sí por eles mesmos.Que non se enganen, os nosos votos irán no sentido que nos pareza convinte para nós e non para eles.Tamén hai a abstención e os votos nulos, que se deben contar pola súa parte, pois teñen o seu significado.Xa poden traballar para a cidadanía e non para sí mesmos.OS COCHES OFICIAIS SON NOSOS.

    FENDETESTAS

    11 de abril de 2009, 11:23

  • O maior erro que cometeu Pachi Vázquez foi haber nacido...

    13 de abril de 2009, 17:27

Danos a túa opinión