Pola unión dos empresarios vilalbeses


Xulio Xiz

Chégame de Vilalba a nova da posibilidade da unión de dúas asociacións de empresarios: a dos comerciantes e a dos do polígono das Sete Pontes. E paréceme unha magnífica noticia.

Leva Galicia séculos clamando contra o minifundio, que de xeito máis importante se manifestou sempre na propiedade rural, que se foi dividindo entre os fillos nas partixas, optando pola pura partición de fincas e casas en lugar de axeitada distribución mantendo as superficies de cultivo. Así temos fincas dun ferrado ou menos, imposibles de traballar axeitadamente.


Certo que o proceso se invertiu, e hoxe xa ninguén divide fincas, e ó revés foméntase a concentración parcelaria sabendo que tamén nesto a unión é o verdadeiramente importante, e canto maior sexa a dimensión dunha finca máis facilidade haberá para traballala axeitadamente.

Pois ese minifundismo existe en moitos outros aspectos, onde moitas veces preferimos ser cabeza de rato en lugar de rabo de león, capitán dun grupo mínimo que colaborador dun grupo grande.

Perto de cento cincuenta socios ten a Asociación de empresarios do polígono Sete Pontes, aínda que algúns deles teñen as súas empresas fóra do polígono. E algo máis de cen empresarios forman a Unión de Comerciantes de Vilalba e o seu centro comercial aberto. Por separado levan vivido moitos anos, e feito cousas importantes cada quen na súa área de influencia, tendo en conta que a priori os obxectivos eran diferentes porque tamén eran diferentes os plantexamentos e as características empresariales.

Pero de repente, ou non tan de repente, os directivos danse conta de que hai moitos máis factores que os poden unir que os que os separan e plantean a xuntanza para formar unha asociación poderosa de douscentos cincuenta empresarios vilalbeses.

Eso é razoar, pensar en futuro e na realidade social e económica. Por separado teñen moito que facer e conseguir, pero todos xuntos – coa fórmula que sexa- poden conseguir moito máis para todos. E parece que por aí van as cousas, ou deben ir, que estas cousas aínda que non sexan de palacio van necesariamente despacio.

Do mesmo xeito que me chegou a noticia da posibilidade, agardo recibir non tardando moito a nova do acordo e comezo de funcionamento conxunto, que sería un importante avance para a industria e o comercio de Vilalba, precisamente no momento de crise que precisa o esforzo de todos.

Queda moito por andar e que facer, moitos ós que escoitar, e moitos que queiran falar, pero a idea está lanzada e parece que ben acollida por ámbalas dúas directivas das asociacións empresarias.

Se aplicamos o sentidiño – que os galegos sabemos que é moito máis que o que chamamos “sentido común”- a unión irá para diante e Vilalba terá unha asociación de empresarios como en poucos lugares existe, que non só defenderá os intereses dos seus membros senón –co seu traballo- os intereses de todos os vilalbeses.

Eu agardo con ilusión por esa unión. Que será boa para todos.

9 de xuño de 2009

2 comentários :

  • Por certo. ¿que é de Xulio Xiz?. ¿Esta de vacacións?. O estío é unha época marabillosa para coñecer a nosa terra chá. Eu, por cuestiós familiares véxome na obriga de pasar tan só quince días no mes de agosto. É certo que aproveito pontes, fins de semana un pouco máis longos ou calquera outra época do ano por estar na miña sempre ben querida Chaira natal, pero como me portei mal o ano pasado castíganme con tan só 15 días. Se cadra bou por Ponte de Outeiro á beira do Miño ou calquera outro dos seus lares. Non quero que ninguén me acuse de coñecer Londres e non coñecer a Terra Chá. Por iso, insisto en que un bo momento para que todos e especialmente o noso amigo Xulio Xiz a coñeza en profundidade. Ademáis así podería relaxarse e non contestar de xeito agresivo a algúns dos lectores que criticaron os seus artigos. Sds. a todos os chairegos, agás a Rouco Varela. Aproveito para lanzar unha campaña de apoio á investigación con células nai embrionarias.

    Xan do Muíño,

    7 de xullo de 2009, 16:59

  • Xulio agora é máis feliz có PP e andará a presentar o Festival do Landro.
    O que me chama a atención e que non se escribeu nada sobre a Festa do Xamón, coido que é unha boa idea, pero como todo hai que traballala ben, e non do xeito que se tratou, mala promoción, peor presentación, e o resultado foi malísimo.É o que ten esta Vilalba, só funciona a base de axudas do Concello e beneficianse catro, que desta volta paréceme que nin iso.
    A idea é boa, pero para facer unha Feira do Xamón, ou outra calquera, non só é dispoñer de uns miles de euros.Ten que activarse a sociedade, e esta semella que só responde cando o PP así o quere.
    Para o ano agardo que se promocione máis, e que non coincida con Domingo de Feira, para saber ben si é posible facela independente.

    FENDETESTAS

    8 de xullo de 2009, 11:19

Danos a túa opinión