Residuos

Por César Reis

Hei de recoñecer que o título deste artigo talvez non sexa en grao sumo atractivo para un día como este de resaca electoral, pero a única alternativa que se me ocorría (“merda”) segue sen parecerme moito mellor. Pensei porlle “caca”, pero xa a palabriña ma levantou o bo de Juan José Millás nun texto de temática similar. Porque, créano ou non, este foi o tema estrela nesta tempada.


Non pensen que vou falar da devandita campaña europea, que tivo o seu de merda (pois os candidatos dos dous partidos maioritarios non pararon de tirarlla un ao outro), así como de sobredose apocalíptica, recurso que, desgraciadamente, cada vez vén sendo máis habitual nos círculos políticos, nos eventos electorais e nos foros de opinión. Pero non, en realidade do que vou falar é dunha noticia lida días atrás na prensa.

Resulta que Jean-Jacques Dordain, director da Axencia Espacial Europea, e Cristina Garmendia, ministra de Ciencia e Innovación inauguraron recentemente na Universidade Autónoma de Barcelona, unha planta piloto chamada Melissa, en realidade siglas (en inglés) de Sistema Alternativo de Soporte Microbiolóxico. Esta planta, de tan belo nome, ten como fin emular as condicións vitais dunha nave espacial e, ao mesmo tempo, recrear un ecosistema artificial capaz de xerar o osíxeno, a auga e os alimentos vexetais (é dicir, a vida) a partir da reciclaxe dos residuos orgánicos, os ouriños, as feces e o CO2 producidos pola propia tripulación da nave, o que permitiría afrontar viaxes espaciais moi longos. Poden imaxinalo? Cada vez máis os acontecementos e avances tecnolóxicos fannos sentir que estamos a vivir naquel futuro evocado nas fantasías da nosa infancia. Pero o importante da noticia non é iso, senón o anterior, é dicir, que este ecosistema artificial que imita á Natureza xeraría a vida a partir da merda. Si, si, leron ben. A conclusión que un obtén disto, se puidemos entender correctamente esta información, é que a vida xorde realmente da merda e que, ao final, todo volverá a ela completando deste xeito o ciclo biolóxico.

Os catro ciclos que compoñen Melissa, formados por catro biorreactores, non serven máis que para explicar de forma sinxela este proceso. Primeiro os residuos orgánicos descomponse en formas elementais (CO2, amoníaco ou acedos grasos volátiles), para despois transformar o amoníaco en nitrato, que será utilizado como alimento para as plantas. Neste último paso, as algas dunha lagoa artificial, así como outros vexetais, recollen o CO2 e convérteno en osíxeno, limpan a auga de nitratos e poden servir, ao tempo, como saudable alimento para a tripulación da nave espacial onde todo isto tería lugar.

Ou sexa, iso de que a vida xurdiu na auga xa non é así? Se alguén non é capaz de aclararmo, o que eu entendo é que, en realidade, xurdiu da merda, e que esta é a nosa única patria á fin e ao cabo (imaxínanse dicir isto hai catro décadas?), porque todos voltaremos a ela algún día.

Así que cando alguén di: “esta vida é unha merda” está a dicir unha auténtica perogrullada, pois esa frase non fai máis que constatar algo cuxa evidencia cae por si soa. O mesmo sucede cando alguén nos manda á merda. O carácter aparentemente ofensivo da máxima dilúese deseguida ante algo que non é senón lei de vida.

Sexa como for e falando máis en serio, o ser humano é o único animal capaz de xerar tanto residuo como para facer perigar o planeta. E se non, como se explica que os residuos atopados no Atlántico a semana pasada, así como tampouco a xigantesca mancha de aceite, non pertencesen ao Airbus sinistrado en metade do oceáno para maior desesperación das familias dos pasaxeiros neses días de anguria.


En fin, teñan votado ou non, teñan gañado os seus ou non, sexan felices porque é o único que nos queda.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

8 de xuño de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión