Traxe galego en Viana do Castelo

Redacción

O Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación confeccionou dous traxes rexionais que se doarán á cidade de Viana do Castelo con motivo da celebración do seu 750 aniversario. O Concello de Lugo, irmanado coa localidade portuguesa desde hai 19 anos, participará neste efeméride co agasallo destas dúas prendas elaboradas polos artesáns do CENTRAD. Trátase de dous traxes de gala, un de home e outro de muller, que están confeccionados con materiais nobres, como o veludo ou o liño, e teñen bordados en vidro. No caso do traxe feminino, o proceso de elaboración durou un mes e o masculino, quince días.

Tanto o deseño como a elaboración correron a cargo do taller do traxe rexional do CENTRAD que, xunto cos de ebanistería, libro e cestaría e o Obradoiro de Instrumentos Musicais, forma parte dos contidos deste Centro, que ten entre os seus obxectivo a protección, conservación e potenciación dos oficios tradicionais.

As dúas prendas serán amosadas mañá ós veciños de Viana nun desfile no que partiparán representantes doutras 11 cidades irmanadas coa localidade lusa. Despois dos festexos, o agasallo será exposto no Museo do Traxe.

27 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión