O Ministerio de Defensa recuperará as torres do Arneiro

Redacción

As torres xermanas de Arneiro, tras anos de esquecemento e abandono -ata o punto de deixar que se esborrallasen as tres existentes na Terra Chá- espertan agora o interese do Ministerio de Defensa e van ser obxecto dun plan de recuperación. Segundo avanzou o senador lugués Luís Anxo Lago Lage, nunha primeira actuación rehabilitaráse unha das antenas de comunicacións nazis, construídas nos inicios da II Guerra Mundial. Lago Lage indicou que Defensa encargou xa un proxecto de actuación, que reutilizará o material orixinal que sexa susceptible de ser recuperado. En principio, de acordo co sinalado polo senador socialista pola provincia de Lugo, o lugar de Momán, en Cospeito, onde se levantaba unha destas antenas, será o punto elixido polo Ministerio para levar adiante a súa iniciativa.

Lago Lage apuntou á prensa que ao mesmo tempo se expón a construción dun pequeno centro de interpretación das torres de comunicación nazis, no que se ofrecerá información aos visitantes sobre este singular patrimonio industrial, destinado a fins bélicos durante a segunda contenda mundial. As tres antenas nazis de Arneiro, situadas nos concellos lucenses de Abadín e Cospeito eran os restos dun sistema de radiolocalización, antecesor do GPS europeo, que levantaron en 1940 os alemáns do III Reich para guiar aos seus avións e a súa flota de barcos e submarinos. A situada no lugar da Graña, en Abadín, veu abaixo en 2006 e as instaladas en Arneiro e Momán, no municipio de Cospeito, levoullas o vendaval Klaus, que arrasou Galicia o pasado mes de xaneiro. Eran vestixios únicos en España de arquitectura industrial destinada a fins bélicos.

Atopa máis información sobre as torres de Arneiro poñendo "Arneiro" no noso buscador:



8 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión