'Versos para sempre cantar', homenaxe a Manuel María

Redacción

O Teatro Rosalía de Castro de A Coruña acollerá o vindeiro día 8 de setembro unha homenaxe a Manuel María, con motivo do quinto cabodano do seu falecemento. A homenaxe leva por título “Versos para sempre cantar” e inclúe o recitado de poemas a cargo de Santiago Fernández e Dores Tembrás. Tamén se proxectará un documental biográfico sobre o poeta. O acto, de entrada libre até completar o aforamento, inclúe a estrea dunha peza dramática do poeta chairego que foi musicada por Nani García e que interpretará a actriz María Inés Cuadrado da compañía A Xente das Palabras. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela é o título deste drama infantil en nove cadros e pensado para ser narrado por unha voz, neste caso a da citada actriz, que destaca especialmente o traballo de Nani García.

O cuarteto de clarinetistas Xerión, integrado por Xoaquín Meijide, Lola García, Mariola Gila e Juan Pérez, será o encargado de pór música á voz de María Inés Cuadrado procurando con iso potenciar a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de gozar da música vencellada á palabra falada. Na organización desta homenaxe participan a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, a Fundación Manuel María, a Deputación provincial e as entidades culturais Nonsí e A Xente das Palabras.

5 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión