Pregón ou mitín político?

Martín Seco García

Son moitos os veciños da nosa vila que están ofendidos pola actitude sectaria e pouco democrática que mantén o goberno de Xerardo Criado, en actos que deberían de carecer da politización da que moitas veces él acusa, sen moito sentido, aos partidos da oposición cando exercemos o labor para o que fumos elexidos. Actos, como o pregón das festas patronais de todos os vilalbeses, que temos democraticamente o dereito de pensar do xeito que máis nos satisfaga, sen deixar por elo de disfrutar dos actos programados nestas festas polo goberno local, que non actúa como tal e só se preocupa por contentar a aqueles que lle amosan unha pleitesía total ao seu xeito de pensar. Ante esta actitude, e como non podería ser doutro xeito, son moitos os veciños que me fixeron chegar as súas queixas, incluso moitos deles votantes do PP, que teñen a mesma percepción de sectarismo que eu teño e que vou a tratar de explicar nestas liñas.

Os cidadáns vilalbeses observamos como dende o goberno do Partido Popular do alcalde Criado, ano tras ano, e con contadas excepcións, temos que aguantar o inaguantable para non levantarnos da nosa butaca no auditorio e marchar dun acto tan solemne para todos os cidadáns vilalbeses como é a entrega de premios do Certame Literario, que inclúe o pregón das festas patronais de San Ramón e Santa María. E todo debido a que o Goberno do Partido Popular, e a pouco aproveitada e decadente Concellería de Cultura do Señor García-Leira Boado, aproveita estes actos para darse un festín de autocompracencia e autobombo partidista, convidando a participar, como mantedores do Certame Literario -e polo tanto, como pregoeiros das nosas festas- a personaxes que nalgúns casos non teñen o mínimo arraigo e coñecemento do noso Concello para vir a darnos leccións maxistrais sobre o que nel acontece, e sempre para vanagroria do goberno popular, ou noutros casos, o que teñen é precisamente un pasado bastante negro diante dos seus antigos veciños, polos seus coñecidos comentarios contra a nosa benquerida vilalba, que agora tratan de ocultar con excusas que non deron durante moitos anos e que agora repiten, co motivo de vir a recibir un honor vilalbés, que antes non lles interesaba, pero que os actuais mandatarios lle dan a cambio dun discurso do máis esperpéntico e pelota que poidemos ser capaces de escoitar.

Este ano, o pregón, con continuas alusións do pregoeiro aos seus desexos de comida e “de vivir para comer” que facían que semellase que estábamos nunha festa gastronómica, parecía propio da época anterior á democracia, con alusións do máis carca e antigo que se levan escoitado neste acto, incluindo alusións ao Xeneralísimo, a súa familia e a todo o que cheirase a esa parte da nosa historia tan pouco edificante, que xa poucos se encargan de resaltar. E todo isto ante os poucos, e cada ano menos, cidadáns vilalbeses que acuden a dito acto social, e que en moitos casos ao non ser seguidores fieis do Partido Popular, quedan abraiados polo máis que repugnante peloteo que se desenvolve ante os representantes do Partido Popular e en especial ante Don Manuel Fraga, que fai que as nosas festas parezan máis que na honra de San Ramón, na honra de “San Manuel Fraga Iribarne”, como se o noso Concello non tivese nada máis que aportar que a presenza deste notable vilalbés, que todos respetamos, aínda que algún non nos babemos ao escoitar o seu nome; e ademais destas alusións a Fraga, e como non podería ser doutro xeito, con continuos comentarios a favor da xestión dos alcaldes -actual e anteriores- e dos concelleiros actuais, magnificando a súa xestión, sen coñecer nin o mínimo desexable para facelo, as súas competencias e o desenvolvemento do seu traballo.

Así que, se o goberno do PP segue sen dar mostras de querer exercelo goberno polo que foi elexido por todos nós, organizando como moitos lle pedimos, as festas de San Ramón e Santa María, podería facelo mesmo co pregón e deixarlle ás comisións de festas, que sexan elas as que decidan os pregoeiros de cada ano, xa que eles non son capaces de amosar a mínima capacidade de facer algo sen que cheire ó partidismo máis rancio e así, alomenos, serían voces alleas a política quen decidisen tal honra.

Pola miña parte creo que existen moitos vilalbeses coa capacidade intelectual e o coñecemento do noso Concello esixible a un pregoeiro, nesta clase de pregóns, e aínda que moitos deles non sexan do partido popular, darían magníficos pregóns ao gusto dunha maioría do noso pobo e non só dos que se identifiquen cun certo xeito de pensar politicamente.

Imaxe: MXM

3 de set. de 2009

6 comentários :

  • Estou ao cento por cento dacordo co Martín. Por fin alguén alza a voz contra o acto fascistoide do outro día, e como non, na única xanela libre que hai en Vilalba, que é este medio.

    Moita demagoxia, moito sectarismo e moita reliquia dun pasado que outros pobos xa esqueceron.

    Hai que denunciar continuamente, e non achantar máis. Adiante, Martín!

    Fenómeno.

    3 de setembro de 2009, 17:07

  • Se non lembro mal, o Sr. Dominguez Olano dixera hai anos que el non tiña nada que ver con Vilalba. Claro, que no pregón dixo que él viña de "mantido".
    E ademais, creo que falou non so de Don Manuel, senón tamén de Don Francisco, ou Paquiño o de Ferrol... estos "demócratas"... menos mal que están eles para impedir que os roxos gobernen Vilalba!

    3 de setembro de 2009, 19:25

  • Obviamente, o mal chamado mantedor do certame xa é un acto totalmente desacreditado. Que veña este señor Dominguez Olano pareceme un insulto a Vilalba e os vilalbeses. Os que o trouxeron deberían pedir perdón. Non estiven no pregón pero pareceme lamentable que haxa xente con tan pouco gusto e que apele ao Generalísimo de los Ejércitos. Este señor dixera 'que lle daba vergoña ser de Vilalba, que su patria chica era Santiago de Compostela'. Empezou a ser de Vilalba cando Fraga foi ministro. Ademais xa veu outra veces o pregón. Acaso hai tan poucos vilalbeses dignos desta honra, que despois de ver o espectáculo que se monta cada ano, que semella un desfile dos Coros de Educación y Descanos da Falange, máis ben parece un castigo que te obsequien sendo pregoeiro en Vilalba que un recoñecemento?.

    Un ex vilalbés.

    8 de setembro de 2009, 19:10

  • Totalmente de acordo có que define UN EX VILALBÉS.
    Cousa aparte é o pobo que elixe a quen elixe o Pregoeiro das Festas do San Ramón, non hai quen cambie a ruta de Vilalba cara ó progreso.
    Como non vai falar de franquismo si el o é, e como en Vilalba a maioría é CONSERVADORA larga o discurso adecuado ao campo da acción.
    Por certo que o do Pregón está obsoleto, debería facerse de outro xeito e separado do Certame Literario, non se deben mezclar churras con merinas.Do xeito actual os que queremos escoitar aos gañadores do acto Literario, temos que aturar a raquíticos cerebrales do estilo do Pájaro Bobo, denominación popular de Antonio D. Olano, por algo lle poñerian o mote.Eu nin mote lle poñería, pasaria largo e tendido de semellante individuo.

    FENDETESTAS

    10 de setembro de 2009, 13:16

  • Foi un dos responsables (o señor Olano) de Fuerza Nueva e colaboraba no xornal golpista El Imparcial. Por eso, antes de traer unha persoa dar un pregón entendo que lle deberían mirar o currículo. Deixounos o mestre Juan Ramil, entre outros, ou recoñecidas persoalidades ás que nunca lles deron esa oportunidade. Acaso eran menos por residir en Vilalba?. Entendo que tiñan o seu mérito, pero aquí se vives na capital chairega, algo que eu non fago dende hai 20 anos, idealízante. Propoñeríalle ao concello até unha listaxe con máis de 20 nomes de xente de recoñecido prestixio que poderían ter esa honra. E non dirían parvadas!. Xa sei cunha cousa é predicar e outra distinta dar trigo.

    Suscribo o que di o O EX VILALBÉS E TAMÉN FENDETESTAS.

    Asturvilalbés ou chairegoastur. Como queirades,

    10 de setembro de 2009, 17:52

  • Dame igual uns que outros, en Vilalba parece que todo vai ben, e mentras, a mocidade e a que non o é tanto ten que liscar para atopar traballo noutros lugares en que os políticos son máis competentes e fan medrar os seus pobos respectivos, ese tipo de políticos en Vilalba carecemos deles, e así nos imos indo uns tras os outros para atopar o sustento diario con un salario máis digno e acorde cós tempos actuais.
    Na actualidade hai sete (7) concelleiros na oposición, nunca tantos houbo antes, e sempre hai un pero, a oposición que temos no Concello non é tal, ou cando menos non fai bulla, parece contaminada polos xeitos do PP.
    E que acaso Vilalba non ten necesidades?
    Penso que sí e moitas, non se fai nada, todo parece que vai como os rios cando van no curso medio, calmos, moi calmos, calmísimos,pode que a oposición como os rios se esté a secar e non teña ideas para activar ao conxunto da sociedade que os votamos.
    O do Pregón hai que denuncialo, así é, máis hai outras necesidades máis imperiosas e vitales para o futuro de Vilalba e a súa poboación.
    Son 7 os magníficos que se presumia nun principio.
    Parece que son 7+10, cal é a diferencia entre uns e outros?, non o sei, si sei o que os une,as sillas dos plenos e non me gusta como vai o curso político actual.
    Con todo, agardo que algún día chegue o momento de poder aplaudilos, pero...o tempo pasa...e non quero atopalos só cando veñan as eleccións, o seu traballo é o que fará que teñan o meu e outros votos...pero non simplesmente en campaña electoral.

    FENDETESTAS

    12 de setembro de 2009, 14:34

Danos a túa opinión