Santiago, 1909

Redacción

A mostra Santiago, 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega pódese visitar dende o pasado 10 de setembro no compostelán Pazo de Fonseca. Nela reúnense 44 singulares fotografías pertencentes ao histórico evento que hai xusto cen anos se desenvolveu na capital de Galicia entre os meses de xullo a decembro. Daquela, a mostra acolleu máis de 600 instalacións situadas en 11 espectaculares pavillóns e onde foron expostas dez mil pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.

A mostra -promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración coa USC, e producida por Alvarellos Editora- divídese en tres apartados temáticos: un dedicado ás arquitecturas e interiores dos pavillóns da sección Contemporánea; outro centrado na sección arqueolóxica; e un terceiro titulado ‘Xentes & Actos’ que mostra a visitantes ilustres máis unha selección das actividades festivas organizadas. Boa parte das imaxes pertencen ao artista coruñés afincado en Compostela Manuel Chicharro (1849-1924).

A baixa calidade dalgunha delas queda compensada por ese retrato vivo de toda unha época que nos permiten descubrir: uns pavillóns de traza modernista que asombran ao visitante, unha sección arqueolóxica que constituíu o primeiro estudo da riqueza artística de Galicia, e unha altísima participación cidadá e institucional (que contou coa inauguración a cargo do rei Alfonso XIII o 24 de xullo) que engrandeceron un proxecto ambicioso do que, paradoxalmente, nada quedou en pé agás un só edificio.

Os pavillóns estiveron instalados ao longo do que hoxe é o Campus Sur e dos que se conserva o que se denominou ‘de recreo e artítico’, asinado por Antonio Palacios e que hoxe contén unha gardería na Alameda de Santiago. A grande Exposición Rexional contou daquela coa presenza do rei Alfonso XIII e moitas outras personalidades da época.

As fotografías proceden de diversos fondos arquivísticos e hemerográficos: institucións como o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega ou a Universidade de Santiago; revistas gráficas como Vida Gallega de Vigo ou Nuevo Mundo, de Madrid, e diarios locais como El Eco de Santiago, entre outros. Á parte de achegas privadas.

A Expo de 1909 marcou época. Era tamén o primeiro Ano Santo do século e polo recinto (instalado ao sudoeste da Alameda e no colexio San Clemente –hoxe, Instituto Rosalía de Castro–) pasaron en cinco meses máis de 53.000 persoas, o dobre da poboación de Santiago naquel intre.

11 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión