XXXI Semana Internacional de Cine de Autor

Redacción

Do 20 ao 26 de setembro Lugo encherase un ano máis do mellor cinema internacional, espallándose tamén por primeiro ano a diferentes concellos da provinciana XXXI Semana Internacional de Cine de Autor. Manuel Curiel, director do comité organizador da mostra, explicou pormenorizadamente os contidos da programación da semana de cine, conformada por diferentes ciclos. Así, paralelamente á sección oficial, onde poderán verse películas gañadoras de premios internacionais tan prestixiosos como a Palma de Ouro de Cannes ou o Oso de Berlín, desenvolverase un ciclo de cinema infantil. O salón de actos da Deputación de Lugo acollerá, pola súa banda, un ciclo especial dedicado ao cinema galego. Outros dous ciclos con contido específico son os de “igualdade”, de marcado carácter social, e ciclo “o mellor do ano”, un repaso aos mellores filmes da tempada.

No acto de presentación, da XXXI Semana Internacional de Cine de Autor, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, celebrado o 9 de setembro no Pazo de San Marcos, e que estivo precedido dunha representación a cargo do grupo Achádego, acompañaron ao vicepresidente da Deputación luguesa, Antón Bao, membros do grupo Fonmiñá como Xulio Xiz e Manuel Curiel, a delegada da Xunta de Galiza en Lugo, Raquel Arias, o vicerreitor da USC en Lugo, Carlos Herrero, o delegado da Fundación CaixaGalicia en Lugo, Sinesio Pérez, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo, Alberte González.

A figura representativa do cinema que se homenaxea nesta ocasión, con mostras das súas películas e unha exposición que se poderá ver na sala de exposicións da Deputación de Lugo, é a de Eduardo Fajardo, alcumado “o vilán do cinema español”. Este actor, galego nado en Mosteiro (Pontevedra), posúe unha longa filmatografía ao seu lombo que o fai merecente da máis sentida homenaxe que se lle dispensará durante a súa estadía en Lugo durante o transcurso da XXXI Semana de Cine de Autor.

Antón Bao quixo encomiar nas súas palabras o esforzo do Grupo Fonmiñá por manter logo de 31 edicións esta mostra de cinema de autor enraizada xa na sociedade e no mundo cultural lucense. O vicepresidente da Deputación lembrou que “grazas ao intenso traballo deste grupo, cada setembro eríxese como unha cita imprescindíbel para os cinéfilos que queren mergullarse de cheo no mundo do cinema e tamén homenaxear aos lucenses vencellados ao sétima arte”. Por este motivo, a través da Área de Cultura da Deputación decidiuse dar todo o apoio necesario para que a XXXI Semana de Cine de Autor fose unha mostra de calidade que puidese chegar a todas e todos os lucenses. Antón Bao destacou que, por primeira vez e grazas ao apoio da Deputación, algúns dos filmes da programación serán proxectados logo da semana de cine noutros concellos e localidades da provincia, espallando a cultura cinematográfica alén da propia cidade de Lugo.

11 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión