Sabendo que as miñas habilidades non camiñan polo mundo físico, déchesme unha navalla que podía facer de todo, e que sen embargo eu convertín en peza de museo, homenaxe ó amigo devoto das navallas, agardando que á vez que a súa contemplación me lembra a túa bonhomía tamén me achegue a ese mundo de aceiro humanizado onde todo é posible, mesmo nunha illa deserta, cun instrumento que faría as delicias dun intemporal Robinson Crusoe.
Aquela navalla Manuel, dorme o sono do tempo que nos leva, alternando a súa estadía entre unha estantería e un caixón onde gardo aquelas cousas que foron marcando o ritmo da miña vida. E teño que confesar non utilizala no traballo cotián nin siquiera nas festas de gardar, como ocorre coas cousas ás que un lles ten un respecto máis ca humán; as cousas que son moito máis ca materia; as cousas que un gosta de apreixar coas mans, cos ollos da alma, coas potencias que nos atribúen ós humanos: memoria, intelixencia e vontade.
E agora, Manuel, terei dúas navallas túas. A que xa é peza veterana no almario da miña casa, e a que recibo no día da túa lembranza, ofrecida por Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá , que cada ano ten por destinatario un amigo teu, sendo sen dubidalo –na túa lembranza- unha máis das túas navallas, destinadas a amigos que saben aprecialas no seu valor e sentido físico, pero moito máis aínda no simbólico, que nas navallas estás ti representado, encarnado.
Mira por onde, Manuel, que con dous fillos, e neto e neta, xa teño a quen deixarlles as miñas dúas navallas, agardando ter tempo abondo para aprenderlles a valoralas. Que poden non cotizar nos mercados de valores económicos, pero para os que cremos que hai cousas que valen máis ca o diñeiro, para os teus amigos, para min e para a miña xente, son infinitamente máis valiosas que o diñeiro de curso legal.
Por ti, Manuel das navallas, patriarca chairego, amigo inmorrente!.
( Lembrando ó Manuel, en Outeiro, o 8 de setembro de 2009. )
0 comentários :
Danos a túa opinión