O debate sobre a toponimia

Moncho Paz

A estas alturas parece evidente que hai un sector do Partido Popular que avoga pola eliminación do galego da vida pública. Xa non estamos a falar da posible derogación do decreto no ensino, senon de outro tipo de medidas que mesmo cuestionan o consenso acadado na Lei de Normalización Lingüística de 1983. E con iso dáse paso a un terreo de lama, onde a política do “todo vale” preséntase como máxima principal. Grande erro de estratexia, tanto para os que gobernan como para os que exercen a “leal oposición”.

Explícome. Non ten sentido reabrir agora o debate sobre a toponimia na nosa terra, que sempre destacou pola súa riqueza. Despois dun longo camiño percorrido para recuperar os topónimos galegos, tras unha noite de pedra de corenta anos, non procede retomar vellas polémicas cuxa orixe radica na presión que historicamente exerceu o castelán durante séculos.

As recentes contradiccións do líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, obedecen a un claro medo escénico, o mesmo que sufriu Pérez Touriño cando na precampaña deixou entrever que a imposición lingüística estaba promovida polos seus socios de goberno. O “presidente de todos” caeu na trampa, como agora está a facer o seu substituto no PSdeG, que coa súa actitude deixa fora de xogo ao equipo socialista, facilitanto que a final do partido pase a disputarse entre populares e nacionalistas. Unha falla de visión absoluta.

Pola súa banda -e como presidente da Xunta- Núñez Feijóo debería ser quen de dar un golpe enriba da mesa e rematar dunha vez con este debate absurdo e interesado, sen ceder ás chantaxes de Galicia Bilingüe. Se pospón esta decisión até a celebración das eleccións municipais, dará a imaxe de actuar en base a decisións partidistas e, polo tanto, perderá credibilidade ante a cidadanía. Como a que xa perdeu o seu conselleiro de Educación, que cando algo non é do seu agrado -como as protestas dos pais de alumnos- recorre ao argumento peregrino de que “están politizados”.

É imprescindible, pois, que populares, socialistas e nacionalistas atopen un punto medio, sen fundamentalismos. No caso da cidade herculina, a mellor solución sería eliminar o artigo e apostar pola forma “Coruña”. E no resto, segundo establecen as leis autonómicas, a forma dos topónimos será en todo caso a galega. Non procede, xa que logo, habilitar fórmulas artificiais e demagóxicas para reabrir un debate que tivo punto final hai tempo.

2 de out. de 2009

2 comentários :

  • Fas unha boa análise da situación, problema é que o líder actual do PP galego é tamén o que lidera o sector do partido contrario a esa maneira de "facer política" que sempre tiveron os da boina. Con tanta modernidade urbana veremos como lles vai: Feijóo non é Fraga e pode darse o batacazo. Saúdos,

    Antón

    4 de outubro de 2009, 23:14

  • Xá non é que vaian polo Galego, semella que van polos que falan en Galego, como sí o Idioma fose unha especie de ideoloxía, cando só é, e é moito a lingüa de uso normal entre galegos.E non razono máis.

    FENDETESTAS

    6 de outubro de 2009, 10:51

Danos a túa opinión