'Camposanto' de Pablo Portero

Redacción

A curtametraxe Camposanto, do xove realizador ferrolán Pablo Portero, estreouse o pasado Domingo día de Todos os Santos na Capela do Centro Torrente Ballester de Ferrol, con gran éxito de público, nun sinxelo acto que contou coa presentación de Jesús Peleteiro e coa presenza do produtor de Oitoemedio, Gonzalo Suárez, así como tamén de María González, que acompañaron ao autor nesta exhibición do seu magnífico traballona súa terra.

A obra amosa a cultura vencellada á morte na Galiza de hoxe a través das xornadas festivas de Defuntos e Todos os Santos de 2008, nun percorrido pola xeografía galega de interior e de costa, que abrangue as catro provincias e que mira aos cemiterios, ás construccións, ás xentes, e aos ritos, nestas xornadas tan especiais. Unha ollada ao pasado desde o século XXI, nunha curtametraxe carente de artificios, a medio camiño entre o xénero documental e o experimental de contido artístico.

Unha odisea cun eixo común, a morte, e a lembranza dos mortos nunha Galiza en proceso de cambios constantes. Para a rodaxe buscáronse localizacións en Fisterra, Noia, Muxía, A Coruña, Betanzos, San Andres de Teixido, Cariño, Ferrol, Viveiro, Vilalba, Lugo, Pedrafito do Cebreiro, A Gudiña, Verín, Xinzao, Ourense, Vigo,Bueu, Pontevedra e O Grove.

Ademais da boa acollida que tivo o experimento audiovisual, Camposanto recolleu eloxios, reseñas en diversos medios, como o Diario de Ferrol, e Canle 31, realizou o pasado sábado 31 unha entrevista ao director no cemiterio de Catabois, onde un ano despois da gravación, Portero voltou para comentar o seu traballo e os seus proxectos de futuro.

9 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión