Díaz Pardo, chairego de honra


Xulio Xiz

O sábado, celebramos unha nova ceremonia para facer Chairego de honra a alguén moi especial, o fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo.

Se ben desde hai anos, esta ceremonia se celebra habitualmente no Muiño do Rañego, nesta ocasión volvemos á igrexa do San Alberte de Parga, no concello de Guitiriz, que ven de ser restaurada en longo proceso de traballo, e está situada no medio dunha paisaxe magnífica que por maio acolle a romaría con tanta sona na Terra Chá, á que os nosos devanceiros acudían co seu gado para pedir pola boa sorte coa facenda, e tamén cos rapaces con dificultades na fala, que o San Alberte é milagreiro neste aspecto, e eu xa coñezo dous que sen ser tatexos se beneficiaron da acción benfeitora do santo, que eles teñen confesado ferventemente.

O primeiro deles era Manuel María, que fóra levado de pequeno ó San Alberte porque prendía na fala, tema que preocupaba á súa familia. E hai que concluir que o San Alberto pasouse, que o Manuel xa de maior falaba de tal xeito e tan ben que daba gloria escoitalo, e non había quen o parara, xa que en canto collía a palabra non a soltaba.

Este sábado entereime doutro, tamén excelente exemplo, que é Ramón Villares Paz, que adoitamos dicir que é de Vilalba aínda que naceu na inmediata Xermade, que dixo que seus pais o levaron hai moitos anos ó San Alberto coidando que o día de mañá, ou sexa agora, podería vivir da palabra. A fin de contas así é, que é catedrático de historia, pertence á Real Academia Galega e preside o Consello de Cultura Galega. Algo terá, pois, o San Alberte, que xa van dous exemplos ben xeitosos. A saber cantos poden aparecer aínda no futuro.

O homenaxeado era Isaac Díaz Pardo e, véndoo pasar, un sente que pasa a historia. Naceu no ano 20 e tiña quince anos cando a campaña do estatuto do 36, na que con esa idade xa se codeaba artisticamente co seu pai, o gran Camilo Díaz Baliño, con Anxel Casal o editor e alcalde de Santiago, e con Castelao. Ós tres, daquela, acusounos de reaccionarios, e tivo que saír por pés xa que seu pai quería axustarlle as contas.

Se será gran artista este Isaac que xa daquela, con quince anos, seguindo as instrucións de Castelao, confeccionou varios carteis sobre o Estatuto de Galicia. Logo, pasou o que pasou, e con eses quince anos tivo que identificar o cadáver de seu pai, paseado pola Falanxe en Palas de Rei.

Non puido estudiar, como quería, arquitectura. E a arte de Galicia sen dúbida que gañou cando demostrou ser magnífico pintor e moito máis aínda promotor de empresas culturais entre as que están Cerámicas e Edicións do Castro, e Sargadelos. Nas súas mans, a arxila converteuse en arte, e Sargadelos, moito máis ca unha cerámica, conseguiu ser elemento de identificación deste país polo mundo adiante.

Díaz Pardo ten agora oitenta e nove anos, e pasea a súa pequena estatura e grandísima dimensión persoal e social coa tranquilidade de quen fixo algo moi grande e sabe que todos os galegos llo recoñecemos.

Dí Ramón Villares que facéndoo Chairego de honra, máis que facerlle unha honra a el conseguíamos honrar á Chaira e ás súas xentes. Estou dacordo. Que a nosa comunidade vital, que ten a capital en Vilalba, conte con Isaac Díaz Pardo como chairego de honra, tennos que encher de orgullo e satisfacción.

Na homenaxe estaban moitos grandes, entreles Xosé Neira Vilas e Luciano García Alén. E máis de medio cento de chairegos e achegados, que coidamos saber e sabemos cales son os motores que moven o mundo. Un deles, é o da amizade, o respecto polos que fixeron Galicia, e a conciencia de que a historia da Chaira se vai facendo encontro a encontro, sesión a sesión, homenaxeando en vida a persoas que – despois de mortas – consideraremos santos laicos e ós que dedicaremos todo tipo de celebracións.

12 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión