Pereira Fariña, novo decano de Xornalismo na USC

Redacción

Xosé Pereira Fariña é dende esta semana o novo decano da Facultade de Xornalismo de Compostela. Será o cuarto que ocupe este posto nun dos centros máis novos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o primeiro que accede a esta función logo de iniciar e completar a súa formación académica nas aulas deste centro. Pertencente á promoción de 1994-98, Pereira, o novo decano, que se presentaba en solitario para relevar ao decano saínte, Miguel Túñez, saíu elixido con doce votos a favor e nove en branco.

Nado en 1976 en Moraña (Pontevedra) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC e membro do grupo de investigación Novos Medios. Até agora ocupaba o posto vicedecano na Facultade de Xornalismo e durante tres anos foi o Coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da Universidade.

Entre as súas publicacións, figuran varios artigos en revistas internacionais e participou na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, coma o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas digitales de información (Pearson, 2006). Na actualidade, traballa en varios proxectos de investigación vencellados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación.

Os obxectivos de Xosé Pereira para o seu mandato centraránse en catro puntos, arredor dos que traballará o novo equipo. A mellora dos indicadores de calidade da Facultade forma parte desa folla de ruta, aínda que o novo decano apunta que "están ben pero necesitan ser mellorados". Pereira conta tamén cun plan de internacionalización para que, aproveitando a implantación do Plan Boloña que xa comezou o pasado ano en Xornalismo, o centro poida asumir competencias que aínda ten pendentes. A mobilidade – de alumnos, profesorado e persoal administrativo e de servizos- inclúese tamén no plan que Pereira quere desenvolver.

O novo decano pretende que a formación que reciben os futuros xornalistas sexa "algo máis que docencia regulada" a través de actividades extracurriculares coas que a facultade atenda ao compromiso social e convértase en "centro de referencia". Os obxectivos do novo decano complétanse cunha redución dos tempos de xestión e unha disminución da burocracia.

14 de nov. de 2009

1 comentários :

  • A este rapaz non o querían de prácticas en ningún medio de comunicación. Como pode ser decano dunha facultade alguién que nunca viu unha redacción de medios informativos?. Iste é o país dos paradoxos.

    16 de novembro de 2009, 16:23

Danos a túa opinión