Celebrouse a homenaxe Manuel María en Lugo

Redacción

A homenaxe, baixo o nome de Versos para sempre cantar, foi organizada pola Área de Cultura da Deputación co motivo de lembrar a figura do poeta que cantou á Chaira e a Galiza no quinto aniversario do seu pasamento. Participaron, ademais, dos actos de homenaxe o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, así como Saleta, a viúva do propio Manuel María outros vellos amigos. Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, quixo recordar que foi no propio Círculo das Artes onde Manuel María comezaría a súa andaina no mundo cultural lucense e lanzou ás autoridades e a todos os presentes a necesidade de apoiar o desexo da Fundación Manuel María para que se erga unha casa museo dedicada ao escritor onde se traballe de continuo para investigar e difundir a obra e legado do poeta de Outeiro de Rei.

O acto de homenaxe, que foi seguido por numeroso público que acudiu ao Círculo das Artes de Lugo nunha agradábel noite de decembro, contou cun recitado de poemas a cargo de Santiago Fernández e Isidro Novo, e a representación da obra “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, peza dramática de Manuel María, musicada por Nani García e interpretada pola actriz María Inés Cuadrado e o cuarteto de clarinetistas “Xerión”.

Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, mencionou nas súas palabras a “necesidade de organizar este tipo de homenaxes que conduzan a manter na lembranza dunha nación a obra de figuras tan importantes para a literatura e a cultura de Galiza coma, neste caso, o propio Manuel María, considerado o Poeta Nacional de Galiza”. Bao referiuse á obra de Manuel María na súa capacidade de deixar “unha semellante, tan forte pegada que transcendeu ao ámbito da poesía galega de posguerra edificando unha parte das nosas letras comprometida coma ningunha outra coa idiosincrasia e identidade da nación galega”. Por outra banda, Antón Bao recolleu o reto que Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, lanzou aos alí presentes e asumiu o compromiso da Deputación para traballar conxuntamente coa Fundación Manuel María e todas as institucións desexen colaborar para tratar de “conseguir desde este momento que a casa natal do poeta acolla unha casa museo dedicada á súa obra e vida, para orgullo seu, de toda a súa familia, de todos e todas as lucenses e todos os galegos e galegas”.

11 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión