Comezan as emisións autonómicas de Popular TV


Redacción

Popular TV vén de iniciar as súas emisións en Galicia, converténdose así no primeiro operador dixital autonómico privado da Comunidade galega. Estas emisións realízanse desde o seu novo Centro de Produción en Santiago de Compostela, dotado con tecnoloxía de produción e emisión dixital de última xeración e para cuxo deseño e posta en marcha Popular TV seleccionou a Vitelsa como integrador. Este ambicioso proxecto abordouse en varias fases de execución, facilitando en cada fase un deseño óptimo e a incorporación da tecnoloxía máis avanzada en función das necesidades de Popular TV.

Nunha fase inicial dotouse ao novo centro de produción de todo o equipamento técnico necesario para as salas técnicas, control central e control de continuidade. O equipamento incluíu a instalación dunha plataforma sincronizada antena/satélite de recepción de sinais, que alimenta xunto con sinais xerados internamente (servidores, VTRs...) a unha matriz de control central SDI e audio analóxico. Dito control central montouse nunha sala técnica de alta dispoñibilidade, que conta así mesmo con toda a electrónica de configuración, glue,monitorado técnico...

Asemade, dentro desta fase implementouse tamén o sistema de continuidade, sobre o que se deseñou un fluxo de traballo integral que fai converxer para a súa emisión no sistema de continuidade todo o material producido desde o centro. Desta forma e grazas ao estudo de enxeñaría realizado por Vitelsa todos os sinais de vídeo SDI son susceptibles de ser convertidos en eventos tipo direct ou no sistema de emisión. Para rematar, dótase ao centro de produción de todo o equipamento necesario para implementar un radioenlace MPEG sobre IP contra o centro distribuidor do sinal, pertencente ao operador Retegal e a través de cuxa rede difúndese o sinal en toda a Comunidade galega.

Na segunda fase do proxecto completouse a implementación do centro de produción de contidos, onde se acomete o equipamento das salas de postprodución de vídeo e locutorio/postprodución de audio, ademais dos sistemas de edición non lineal de última xeración. Cómpre destacar así mesmo o que a sala de locutorio instalada se deseña como sala polivalente de audio, o cal permite non só locutar, senón tamén postproducir, dobrar e editar. Respecto ao equipamento de iluminación dos estudos, este permite crear múltiples espazos útiles independentes dentro do mesmo espazo físico.

Tamén dentro desta fase Popular TV implementou un novo sistema de xestión distribuída e arquivo de contidos audiovisuais de alta capacidade e fiabilidade, integrado por Vitelsa sobre servidores de alto rendemento e baseado na solución de software MediaBox da compañía Xtream. Este sistema de xestión e arquivo completamente escalable foi integrado cos sistemas de noticias e de posprodución de vídeo, traballando sobre unha rede Ethernet de alta velocidade que garante o funcionamento simultáneo dun elevado número de clientes a 25 Mb por segundo. Esta solución é utilizada non só como centro de xestión de contidos, senón tamén como sistema de intercambio de distintos formatos de audio e vídeo entre os diferentes centros de produción, permitindo maximizar a utilización e rendibilidade da produción propia.

1 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión