Debate en torno ao capón


Redacción

O artigo de Xulio Xiz "O futuro do capón" publicado no noso xornal o pasado día 30 ven de xerar un abondante debate a través dos comentarios dos lectores, proba do interese que o tema esperta entre os vilalbeses.

Abría o fogo un comentario anónimo, poñendo sobre a mesa algunhas reflexións para a discusión:

A min o futuro do capón de Vilalba paréceme máis ben negro, e coido que faría falla unha análise máis realista do tema por parte de quen toma as decisións.

Todavez que o capón xa non paga rendas, e na nosa sociedade cada vez está peor considerado o "pago de favores", perfectamente simbolizado nos "agasallos" do concello a Fraga, Rouco, Carrasco e compañía -unha especie de comechura pagada por todos que debería rematar xa-, ao capón só lle queda a condición de "delicatessen", que é a que habería que promocionar.

Pero agora mesmo esta é a feira de "imos contar mentiras": Nin pitos do país, nin castrados nin cebados á man... Quen raio vai pagar 100 euros, case dezasetemil pesetas, por un pito común?

E o dos caponciños é outra leria máis. Se algo caracterizaba o capón, amáis do xeito de crialos, era a súa estacionalidade, o que é igual a escaseza e, por tanto, alto prezo. Industrializar e dar continuidade todo o ano ao capón é matar a galiña dos ovos de ouro.

O capón hai que volver a crialo cos métodos tradicionais e situalo nas cartas dos mellores restaurantes como produto duns poucos días. Esa é a maneira de manter sona e altos prezos, como "delicatessen" sofisticada, escasa e cara.

Outro comentarista anónimo viña a apoiar estas reflexións:

Calquera con un minimo de coñecementos de mercadotecnia darase conta de que eliminar as singularidades que caracterizaban o capon de Vilalba é directamente un suicidio.

Non fai falta saber o que é posicionamento, diferenciacion e singularidade dun producto para darse conta de porque o capon é tan valorado.

Pensar en diversificar via sub-productos, ou eliminar a estacionalidade da venda do capón e simplemente unha paletada. A quen se lle ocurriria semellante xenialidade?

Seguindo nesta liña, outro comentario apuntaba posibles responsabilidades nos problemas actuais do capón:

A quen se lle ocorreu (...)? Pois está claro. Dende o concello parecen empeñados en acabar co capón. Primeiro sacaron a feira da praza da igrexa, a carón do castelo, e levárona para un pavillón polideportivo. Pódese facer peor? A resposta é SI: Levala para o mexadoiro, onde estivo moitos anos grazas ao ínclito Agustín Baamonde, tan louvado por este medio. Se nin sequera respectan as tradicións nunha cousa tan sinxela, xa me diredes...

Hai pouco viñeron co conto do pito de Mós, que viña seica salvar o capón... e aí morreu o conto. Gustaríame saber quen anda detras dos "caponciños" e outras sandeces deste tipo. (...)

Tamén estou dacordo co que di o #1 sobre os regalos de capóns a persoeiros. Algúns amigos meus de fóra dálles a risa co conto, e non é para menos. É unha pailarocada.

Sen embargo, a idea dos "caponciños" si convence a algún outro lector. "Fendetestas" comenta:

Comezo dicindo que os Capóns que se mandan a certos persoeiros efectivamente están fora de lugar, polo que o Goberno Municipal debería poñer fin a prevendas que veñen de tempos franquistas en algún caso.

Sobre a feira dos Capóns, penso que cada vez máis non ten sentido, xa que os tempos cambian e a oferta aumenta en tan boa calidade e sen ter que facer feiras. O único sentido da feira é manter o selo Capón de Vilalba. Dito o anterior e para min, non é mala idea a dos caponciños por desestacionalizar a venda de capóns, (de menor tamaño), pero con garantía de Produto de Calidade e ao amparo do Selo Capón de Vilalba.Naturalmente o que os vilalbeses vemos ou lémos do caponciño, penso que non representa a Vilalba e o Selo, tampouco se sabe o que hai detrás de tal idea.

O Ideal sería facer unha estratexia de como levar a cabo a venda de caponciños e en que condicións, así como unha liturxia anterior de producción, control, e garantía de calidade. Con unhas condicións mínimas de calidade penso que podería ser rentable, e atraer capital para Vilalba e tamén traballo, e unha forma de fixar poboación no rural. É a miña opinión.

Dende logo o que están a facer co caponciño de xeito incontrolado e aleatorio, (é o que parece), pouco favor lle fai a Feira do Capón.

Opino que debería ser cuestión de estudo e reformulación, tanto a Feira como o Caponciño. Quenes deberan potenciar ambalas duas cousas, semella que para eles están ben as cousas como están, e teñen o Día da Feira, o seu Día de Gloria. Poden tomar nota de Arzúa có Queixo, d´As Pontes co Grelo o Queixo de Friol e Pan de Ousá, o Porco da Ceba de Cospeito... etc. Non se pode vivir de rendas actualmente, e se require esforzo e gañas de Traballo, se realmente queren para Vilalba Progreso e Fixación e mesmo aumento de Poboación e Riqueza para toda a sociedade vilalbesa.

Esta opinión é rebatida por outro lector:

A calidade dun producto non ven fixada por ningun proceso de control de calidade ou garantia, e moito menos por ningun selo.

Sinxelamente, a calidade ven dada pola valoración do mercado, que actua en consecuencia a varios principios: vantaxes competitivas, escaseza do producto, valores engadidos...

Convertir o capón nun producto non estacional, desligado da Feira, seria eliminar as caracteristicas diferenciais do capón de Vilalba. Por moito selo de calidade que o caponciño levase, cales serían os atributos diferenciadores que lle outorgarían valor de mercado? Ou dito noutras palabras, porque vai ser mellor un capón de Vilalba que un de Mondoñedo, ou xa postos, que un de Murcia?. Como competiría o caponciño contra xigantes coma Coren ou Sada?

O capón de Vilalba ten unhas características únicas, diferenciadoras. É percibido no mercado coma un producto premium, de elevado prezo e existencias limitadas. Non calquera pode ter un capon na súa mesa, pois só se vende en Vilalba durante un día ao ano. E aínda que a moitos nos pareza absurdo pagar 100 euros por un pito, existen compradores dispostos a pagar por esa exclusividade, tantos como para manter viva a feira do capón. Son estes compradores os que lle outorgan o capon o atributo de producto de "calidade".

O que haberia que facer co Capón, primeiro, é alonxalo da dependencia pública. Un concello non esta para funcionar como unha empresa. Segundo, habería que aproveitar os atributos diferenciadores e dirixilo apropiadamente ao seu público obxectivo, (aquel que paga con gusto un alto prezo polo capón), de tal forma que se produza unha demanda de capóns suficiente como para rendibilizar a súa cria/ceba.

Por suposto, a creación dunha empresa de caponciños podería -ou non- ser rendible, e crear algo de emprego, como calquera outra empresa. Tamén podería ir á creba, como calquera outra empresa. Pero o seguro é que deixarían de aparecer compradores dispostos a pagar un sobreprezo na feira do capón. "Para que vou pagar tanto na feira por un pito que se vende máis barato no Gadis durante todo o ano?". Consecuentemente, desaparecería a Feira. (Ou sobreviviría como festa gastronomica en loor dos veciños).

A min todo esto da industrialización do caponciño soame a listillos á caza de subvencións de fondos comunitarios, mais que a creación de emprego e "captación de capital" para Vilalba.

Mais, "Fendetestas", reafírmase nas súas teses:

(...) creo que no fondo estamos dicindo o mesmo dende diferentes pontos de vista.

Xa poño no escrito anterior que a oferta é cada vez maior, (doutros produtos), que restan a venda do noso, poño un exemplo real: Criador que contaba con un cliente de fora que lle mercaba a frioleira de 50 Capóns. Este ano mercou Xamón e Embutidos de "Jabugo". A calidade de Jabugo como sabes é a mesma que poda ter a do Capón, pero as campañas de Promoción e Calidade do Producto desviaron ó comprador que tamén o paga con gusto.

Trátase de vender, e Jabugo tamén ten monstruos detras, mesmo Coren, por certo esta última podería entrar na comercialización tamén do Caponciño. Mesmo temos o exemplo no Concello: Queixo de San Simón da Costa, tamén se fai en Lanzós ou en Oleiros, como tamén o podería facer Besnier ou a empresa Entrepinares que se está instalando no Polígono Industrial e coa mesma ou mellor calidade; estarás conmigo en que tamén teñen monstruos detrás. Non é pois cousa de non ter mercado, sí de competencia, e aquí e onde ten que ser mellor o Producto.

Naturalmente estamos a falar de Empresa Privada e supoño que tí tamén na anterior exposición, ou ves tí aos Criadores de Capóns coa capacidade de poder facer unha campaña estacional, para vender 180.000 euros ou 30 Millóns de Pesetas no mellor dos casos. Este ano vendéronse aos meus ollos a 30 Euros. Estamos a falar de cantidades que non dan para facer un produto rendible, e menos se fora feito do xeito artesán, (terian que venderse a máis de 100 Euros o Capón), como cando unha tía miña pagaba as rendas das terras en Capóns.

E xa finalizo, pois creo que falamos en vano, xa que non creo que a Feira do Capón teña para moitos máis anos,(agás outro enfoque milagreiro), é un soño de media mañá para os que van de "Miranda", non para os Criadores que este ano bufaban máis que nunca.

En canto ao da captación de subvencións de fondos comunitarios, a verdade que si así é non valerá todo para nada, só para dous ou tres que sabrán como funciona iso, e que intuimos quen.

Unha última opinión, insistindo nas teses da estacionalidade e o carácter "premium" do capón:

O capón entraria na categoria de producto premium como o xamón de Jabugo, aínda que con caracterísiticas diferentes. A calidade destes xamóns non é o sabor da carne en si (...) senón o valor engadido que o comprador lle outorga ao proceso de cría dos porcos. Un xamón de 36 meses difire ostensiblemente en prezo dun de 24. Se as grandes marcas non comercializan xamón de 36 meses é porque seria un suicídio a nivel comercial: para o comprador estes xamóns deixarían de identificarse coa cria nas dehesas, desaparecería o compoñente "premium" e o xamón baixaría de prezo, facendose inviable continuar a sua produción.

Co capon, pasaría o mesmo, só que en vez das dehesas e as landras temos que poñer a ceba artesanal e a feira do capón. En canto á calidade da carne do capon, pois o mesmo, quen distingue o capón de Vilalba dun pito campero unha vez plateado? Non moita xente, seguro.

Enton, vendamos capóns todo o ano. Cal seria o compoñente premium que lle quedaria ao capón ou ao caponciño?. Privado de argumentos de venta, como vai a ser rendible?. Como moito chegaria a ser un produto de consumo local.

O queixo de San Simon non sirve de exemplo para o capon pois non se trata dun producto "premium". E se as pequenas factorias de queixo de San Simon son máis ou menos rentables é porque o mercado potencial deste tipo de queixo e tamen de reducidas proporcións, dentro do mundo dos queixos, claro.

Polo que se refire a estacionalidade, no mundo véndense anualmente ao redor de 8 millóns de quilos de turron de Jijona, o 85% na campaña de Navidad. As angulas (que non as gulas) alcanzan os 1.300 euros por quilo este Nadal. Como vemos, un mercado estacional non ten porque non ser rendible. Os 100 euros por capon non serian unha barreira imbatible se se lle da o enfoque necesario. Claro que haberia que ter sentidiño e facer unha feira para a xente disposta a pagar esos prezos, e non a cotrollada que se fai agora.

Pero claro, os criadores de Vilalba non son artesáns de Alicante nin armadores bilbainos, verdade?

A verdade é que se poderían facer moitas cousas, pero non se fará nada ou farase o peor posible.

Seguro que o tema dá para moito máis. agardamos as aportacións de todos os que queran colaborar poñendo sobre a mesa o debate en torno ao capón de Vilalba

8 de xan. de 2010

3 comentários :

  • Home, por fin unha reflexión xeitosa sobre o Capón, estraname que non haxa mais queixas coma ista por aí adiante, pois sitemáticamente se está loitando abofé por deteriorar sistemáticamente un dos simbolos e productos tradicionais que quedaban en Vilalba. E quen é o responsable, pois por un lado o grupo político que goberna e por outro esta oposición de "cartonpiedra" que temos.

    O grupo que goberna porque se deixa levar (ou ao mellor lle interesa ?) por intereses moi particulares de algún empresario pequeniño que tamén anda metido en todas as cociñiñas das subvencións e mamando da teta municipal, que por demáis tamén é director, se non me equivoco, polo menos antes érao, da Asociación de Criadores do Capón. Nunca tiven nada que ver con éles, non pensedes que é por despecho o que digo, simplemente conozo o percal. Está moi claro que a esta xente interésalle o seu particular, levar a súa subvención, arrimar a sardiña á súa brasa, chupar unha subvención da Fundación Terra Chá (ese pozo sin fondo de chupaderas e amiguismos...) e outra subvención do Concello e outra da UE e algunha do Igape que lles monten o chiringuito gratis e a vivir da teta. E neste caso como ben saberedes hai intereses de producir empregando o nome do Capón un producto deseñado para dar gañancia a interes moi particulares, home non lle vamos chamar capón, senón "caponciño".

    E mentres tanto nin hai interés pola denominación de orixe, nin marca rexistrado nin nada e cada vez unha imaxe de marca máis deteriorada. Porque interesa simplemente. Hoxe e o capón, mañá o queixo de San Simón e pasado as vacas marelas.

    E falando disto, podese ir dando por jodido o pobo de Vilalba porque estos personajillos seica andan agora tamén coas cousiñas estas do turismo (agora interesalles moito polo visto) xa se dixan ver nas fotos, vas aos seminarios. Unha das poucas oportunidades de medrar e facer algo proveitoso económicamente nesta comarca, para promoción e desenvolvemento do sector sevicios, pois contovos que vai susceder .... chupar subvención, facer o paripé e a vivir.

    A min non che me queda moito máis que chorar nesta caixa de opinión, pero a meu modo de ver a culpa é de quén lle lo permite e o culpable é tanto o Alcalde coma a corporación.

    2 de febreiro de 2010, 17:25

  • Estou de acordo contigo. E neste caso estan xogando nada mais nin nada menos que co capon de Vilalba. Pero a culpa non e deles, e de quen os ten ahi, de quen lles votou.

    3 de febreiro de 2010, 21:12

  • Está todo dito.

    FENDETESTAS

    8 de febreiro de 2010, 11:15

Danos a túa opinión