Non sei ben se ten senso tentar recuperar de xeito forzado feitos culturais que tiveron éxito social nalgún tempo. Explícome. O Entroido, festa parateatral por excelencia, tiña raizame na Terra Cha, e no medio rural concretamente, en tempos nos que a cultura e o gozo da mesma eran produto do pobo, tanto en momentos de liberdade como noutros nos que se facía clandestinamente.
A día de hoxe, aquel Entroido morreu, e non queimado precisamente. O medio rural está despoboado e cando algunhas das asociacións veciñais existentes nas nosas parroquias queren participar neste tipo de eventos, buscan outras canles máis actuais e que pouco ou nada teñen que ver co que se facía antano como, por exemplo, iren disfrazados ao programa “Luar” da TVG.
De todos/as é coñecido que durante a ditadura a festa do Entroido estaba prohibida. Non obstante, en certos lugares de Galiza viviu agochada agardando poder saír á rúa con máis forza e gañas que antes unha vez que a fin da longa noite de pedra lles deu carta branca. Mais noutros pobos e vilas nunca se recuperou plenamente esta tradición. No noso concello o pouco dela que agromou fíxoo en locais pechados e organizada por sociedades como o Racing Club Vilalbés ou o Centro Cultural e Recreativo. A primeira, de carácter máis popular segue manténdose viva, e a segunda perde cada ano participación.
A principios dos oitenta, un grupo de rapaces/zas con inquedanzas constituíu a Asociación Cultural “Lois Peña Novo”. Unha das súas primeiras actividades foi saír o martes de Entroido polas rúas da vila cun carro no que levaban unha barrica de viño que partillaron con cantos quixeron xunguirse á xolda –celebrar o Entroido- tal como algúns escoitaran que se fixera noutro tempo. Sentaron, quizais sen pretendelo, un precedente: a partir de entón e con algúns parénteses no tempo consolidouse un desfile de Entroido na vila. Neses actos, naquela altura non “institucionais”, participaban grupos de rapaces e rapazas e comparsas que facían agradábel esta celebración.
Dende hai algúns anos o Concello considerou esta manifestación cultural popular digna de “ser aproveitada” e comezou a intervir directamente na súa organización. Converténdose así o martes de Entroido nunha das festas “municipais” na que se fai un desfile de disfraces e comparsas suxeito a concurso e outorgando premios nas diferentes categorías establecidas nas que ademais dos grupos ou asociacións locais viñeron a participar comparsas e disfraces doutras vilas que, por certo, poucas veces eran premiados, de xeito que en pouco tempo moitos deles deixaron de participar.
Mantívose desta maneira algúns anos a festa do Entroido con certo éxito e moitos esforzos ao tempo que se enriquecía con outra actividade allea á nosa tradición consistente en celebrar no serán do mércores de cinsa o Enterro da Sardiña. Este segundo evento foise tamén consolidando grazas –todo hai que dicilo- á participación dos maiores do Centro Social de Vilalba, de agrupacións de música tradicional e popular (Entre Lusco e Fusco, Mato Vizoso, Pandeireteiras de Andrade, Buxos Verdes, Charanga, Banda de Música...) e de asociacións teatrais como o Centro Dramático Vilalbés e máis recentemente a Escola Municipal de Teatro.
Non é motivo de crítica esta “pseudo-recuperación” da celebración do Entroido, nin moito menos. Todo feito cultural é benvido e prezado, xurda onde xurda. Mais si é cando menos criticábel a pouca participación que na actualidade rexistran estes actos por parte da xente, que se limita a ser espectadora dunhas manifestacións que son ante todo participativas. Non é de estrañar se se analizan outras que, tendo as mesmas características, se converten en meros espectáculos. Véxanse como exemplo as verbenas das festas patronais, ás que axente asiste cada vez máis pasivamente.
Imaxino que este comportamento popular ven dado polo mergullamento que sofre a sociedade no mundo audiovisual, afacéndose a ver e oír o que xa está listo para consumir. Pero agora que están a trunfar videoxogos máis participativos como os da wii e que se vai poder escoller a tv á medida dos gustos de cada quen grazas, disque, aos canais dixitais, a xente volva a intervir, aínda que só sexa por inercia, nas celebracións sociais que, ao fin, son patrimonio de todos. Que así sexa!
Said
Bueno, sin ir máis lonxe acabo de chegar do enterro da sardiña e, contra o que mandan todas as tradiciós, non houbo nin a máis mínima crítica. Hai que lles esplicar a estes cativiños cal é o sentido desta festa.
Será porque paga o concello... o que hai que ver.
Said
Xa hai que ter humor para ir o Enterro da sardiña en Vilalba.
Foi unha antroidada..., hai que tomalo así.
Said
Estimados amigos; en canto que calquer administración mete as poutas nunha festa popular, xa sexa entroido, patronais ou concertos de Rock, xa se escarallou o sentido da festa... Só serven pra desnaturaliza-la e inflar os prezos dos equipamentos.
Xa non falemos das festas de verán nas costas, trocadas en pamplinadas masivas pensadas pra os turistas...
Os orzamentos de algunhas comisións de festas son demasiados gorentosos pra deixarllo á mocidade do pobo.
Saúdos a todos.