Topónimos surrealistas


Moncho Paz

Hai 25 anos celebramos o Entroido en Vilalba inaugurando en plan parodia a Praza da Constitución, que rebautizamos como Praza do Cementón, un nome que perdura ata hoxe no sentir popular. Un membro da comparsa representaba ao presidente da Punta de Galicia, que acudía a aquel acto oficioso acompañado de varios “consejeiros”. Como algúns que temos agora, en concreto nos eidos de Educación e Cultura, que deberían ser especialmente sensibles coa cuestión lingüística. Dá a sensación de que o tempo non pasou.

A lea de Roberto Varela chamando “Toro” e “Desván de los Monjes” aos concellos de Touro e Sobrado dos Monxes non é máis que a punta do iceberg dunha política lingüística desencamiñada e propia duns gobernantes que non escoitan e, polo que se ve, non teñen intención de facelo. Agora imos marcha atrás tamén en materia de toponimia, tras moitos anos de traballo para recuperar e normalizar ao galego. A Lei de Normalización Lingüística de 1983 recolle no seu artigo 10 que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e “corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos”.

O que aconteceu no caso de Varela débese ao tradutor da Xunta, como ben apunta Xosé-Henrique Costas, coordinador do libro 55 mentiras sobre a lingua galega: “é o único que dá ese erro, pois o resto dos tradutores deixan “Sobrado” (participio español de sobrar)”. Sobrado, neste caso, como en moitos outros na toponimia, é abundancial de sobreira (Quercus suber), é dicir, en castelán “alcornocal”. A tradución impecable sería “Alcornocal de los Monjes”. A cotío atopamos na páxina web da Xunta numerosas disfuncións en toponimia que superan con fartura os “descoidos informáticos” nos que se escudaba o conselleiro de Cultura. Así, esta semana aparecían nun mesmo texto “Puebla”, “Puentenuevo”, “Sanpayo” e “Cuadramón”, en lugar de Pobra, A Pontenova, San Paio ou Cadramón.

9 de mar. de 2010

2 comentários :

Danos a túa opinión