Xornadas de Música Tradicional en Vilalba

Redacción

Onte pola mañá, o delegado de Cultura da Deputación de Lugo ,Antonio Veiga, presentou na Casa da Cultura de Vilalba as Xornadas de Música Tradicional que a Tradescola levará a cabo na vila os vindeiros días 8 e 14 de marzo, e que inclúen un concerto didáctico para 500 escolares sobre a historia das formacións musicais tradicionais e un curso de acordeón a cargo do mestre da Tradescola, Xerardo Quintela. Na presentación das Xornadas de Música Tradicional da Tradescola en Vilalba estiveron presentes tamén a coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández, e Xerardo Criado, alcalde do Concello de Vilalba.

Segundo explicou o delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, estas xornadas que se organizan en Vilalba teñen como fundamento espallar por outras comarcas o traballo de dinamización da música tradicional máis aló da sede da Tradescola en Lugo. Neste camiño o vindeiro día 8 de marzo ás 11 da mañá terá lugar un concerto didáctico para 500 escolares no Auditorio Carme Estévez. Neste concerto farase un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega. Para isto, amosaranse os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega dos últimos dous séculos a través de imaxes, sons e amosando e explicando instrumentos como a zanfona, gaita, acordeón, requinta, tamboril, pandeireta e pandeiro, entre outros. Segundo explicou Veiga, o concerto estará guiado polos profesores da Tradescola, Bruno Villamor, Pedro David Lamas e Xerardo Quintela, todos eles mestres de recoñecido prestixio no eido da música tradicional.

As xornadas continuarán o día 14 de marzo co curso de acordeón, que se realizará no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba. Neste curso, o mestre Xerardo Quintela afondará nas técnicas interpretativas e nas técnicas de dixitación ensinando aos alumnos distintas pezas do repertorio de música tradicional escollido para a ocasión.

O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, destacou o “importantísimo traballo de formación e difusión da música tradicional galega que a Tradescola está a desenvolver desde a súa posta en marcha” e ratificou a filosofía de traballo da Área de Cultura da Deputación, “desenvolvendo proxectos coma este que ofrecen á sociedade a posibilidade de achegarse ao estudo da nosa tradición e cultura, que non é outra cousa que a identidade que nos une como galegos e galegas”.

4 de mar. de 2010

1 comentários :

  • E unha pena que non se faigan mais actuacións no eido cultural en Vilalba. Non hai mais que ver o que se fai noutros concellos similares (en tamaño, poboación, economía...) coma As Pontes, Viveiro, Sarria, etc. e o que pasa en Vilalba, onde non interesa a cultura (debe ser porque xeralmente custa cartos e non os da).

    13 de marzo de 2010, 21:58

Danos a túa opinión