Pilar Maseda.- A miña amizade persoal con
Moncho Paz, xornalista vilalbés, da Casa dos Marios -que é así como nos
coñecemos nos pobos entre as familias- vén dende a nosa infancia, compartindo
xogos na praza da igrexa e actividades no colexio público Insua Bermúdez. Alí, ao carón
dalgúns mestres receptivos ao progreso e á fin do franquismo, comezaron as
nosas andainas polo mundo da nosa historia como pobo. Ben é certo que
postulamos sempre nas dúbidas que a sociedade local aínda tiña acerca da
identidade da Vila e dos novos tempos.
A
realidade da vida para min non me agardaba no eido do estudo académico, como no
caso de Moncho, que si o levou a estudar xornalismo en Madrid. Eu quedei tralo
mostrador do negocio familiar falando sen parar cos paisanos da historia da
Vila e dos costumes da terra [...]
Aquí
é onde naceu A Lareira, hoxe lugar coñecido como local de hostalería no casco
antigo de Vilalba, lugar da permanencia existencial como modo de vida, como
porta aberta á identidade... Velaí, que perante anos fose a sede de Amigos de
Prisciliano, que co amigo Moncho Paz, nomeamos como delegación na Terra Chá. Pola
casa tamén pasou o finado Ramón Chao no seu reencontro coa vila, noutrora
hostil, por mor da publicación do seu primeiro libro O Lago de Como, así coma o
retrato que neste fai, con algún rasgo autobiográfico, dunha vila de posguerra
e miseria, do sufrimento padecido na infancia dunha sociedade mediocre,
caciquil e ignorante.
Lembro
o reencontro con Ramón en público, pois el viña de visita á vila de incógnito;
para non entrar en polémicas, debido ao coñecido que era como xornalista e
escritor, como tamén por ser o pai de Manu Chao.
Mais
creo que, ben aconsellado entre outros por Moncho, aos cales unía unha grande
amizade, decidiu volver ás súas orixes, aliviado por aquel trance que se vivira
na vila, por malas interpretacións e "díxome-díxomes" entre vellas feridas e
envexas de malos tempos que algunhas persoas, sen ter lido se queira o seu
libro, foron circulando entre veciños.
Coido que a única maneira de que o noso pobo medre cultural e socialmente cara o
progreso e a natural mestura e liberdade de pensamento, reside, en parte, na
importancia da divulgación e afirmación da obra e feitos de personaxes como
Ramón Chao, Agustín Fernández Paz, Bernardo García Cendán, Pepe Chao, entre
moitos outros que me quedan no tinteiro. Un pobo ten que saberse nomeado para
existir e recoñecer as súas diferenzas cun respecto mútuo e así medrar, valor
que, sen dúbida, Ramón defendía.
0 comentários :
Danos a túa opinión