Homenaxe a Martín Seco Cendán en Vilalba


Manuel París

O sábado 17 de abril vaise celebrar en Vilalba unha homenaxe a Martín Seco Cendán, en recoñecemento polos vinte anos de traballo ao fronte da Agrupación Socialista local e os dezaseis como Portavoz do Grupo no Concello. Esta iniciativa xurde, unha vez rematada a súa etapa no eido municipal, promovida por moitas persoas que deciden deste xeito recoñecer o seu traballo, adicación e cercanía aos mais. A cea-homenaxe terá lugar ás 22 horas no restaurante Nova Ruta de Vilalba.

Martín Seco, nado en Vilalba o 27 de decembro de 1949, diplomouse na Escola Politécnica de Lugo como Enxeñeiro Técnico Agrícola; actualmente é Vicepresidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, do que foi Presidente durante moitos anos.

En materia laboral é funcionario de carreira, adscrito ao Departamento de Estruturas da Delegación de Lugo da Consellería de Medio Rural (anteriormente Agricultura), da que foi Secretario durante o goberno tripartito presidido por Fernando Gonzalez Laxe. Dende 2005 a 2009 estivo en excedencia, ao ser nomeado Adxunto ao Delegado Territorial en Galicia da empresa pública Tragsa.

Militante do socialismo galego dende a transición, comezou no galeguista PSG de Beiras e Ceferino Díaz -o seu referente político e grande amigo- para pasar posteriormente a militar no PSdeG-PSOE, do que foi Secretario Xeral da Agrupación Local de Vilalba dende 1988 ata 2008 e portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Vilalba dende 1991 ata 2007 .

Casado, con tres fillos e unha neta –Uxía, coa que aparece na fotografía- Martín é seguidor apaixoado do Celta de Vigo e da música de Serrat. Amante declarado dos números e dos xeroglíficos, ten moita afección polos Sudokus e dende sempre amosou un fondo interese pola información social, política e cultural, especialmente no que se refire a Galicia e a Terra Chá. Asemade, participa activamente na vida cotián da nosa vila, como socio da Peña Celtista, do Racing Club Vilalbés, do centro Cultural Recreativo e da Asociación de Veciños da Praza de Santa María, entre outras entidades. A título anecdótico, dicir que foi un dos primeiros subscriptores de A Voz de Vilalba dende a saída á rúa deste xornal en 1983.

7 de abr. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión