Infoentretemento político


Moncho Paz

Esta semana tiven ocasión de asistir ás xornadas Comunicar Cultura, organizadas polo Consello da Cultura Galega en Compostela. Un evento que coincidiu no tempo coa boa nova da renovación de Ramón Villares como presidente da entidade. Nelas déronse cita profesionais de distintos eidos para facer unha posta en común e fomentar o intercambio de puntos de vista. Entre as numerosas intervencións gustoume de xeito especial a de Salomé Berrocal, profesora da Universidade de Valladolid, que disertou sobre o infoentretemento (infoshow), de máxima actualidade no plano estatal. Unha tendencia que, curiosamente, está sen explotar na nosa Comunidade, a pesar do elenco de personaxes que temos nesta peculiar e variada fauna galaica.

Non hai dúbida que no Estado español estamos a presenciar a simplificación da política e a súa conversión en espectáculo, con determinados formatos que descontextualizan asuntos que deberían recibir un tratamento rigoroso, especialmente nalgúns espazos televisivos. Como consecuencia, hai actores –principais e secundarios– que prestan maior atención a certos programas e atenden primeiro a un locutor de entretemento que a un xornalista acreditado, por exemplo, no Congreso dos Deputados. Non é de estrañar, pois, que a chamada clase ou “casta” política teña eses baixos índices de popularidade e se sitúe como a terceira preocupación dos cidadáns.

Pola contra, en Galicia non estaría de máis un programa estilo CQC para parodiar diversos comportamentos, declaracións e supinas meteduras de pata dos nosos representantes políticos, e que sirva tamén para relaxar un pouco o ambente crispado de cada semana. Como a TV pública dificilmente está en condicións de acoller un formato desta natureza, que non chegaría ás cinco emisións por intervención dos censores oficiosos, está por ver se as canles privadas autonómicas son capaces de dar o paso e innovar nos seus contidos. Lembren aquela imaxe dos oitenta, con Beiras e Barreiro tocando o piano na TVG. Sería posible hoxe algo así?

24 de abr. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión