Queixos de San Simón


Xulio Xiz

En principio, sonoume raro saber que na Pastoriza se vai producir queixo de San Simón, aínda que logo – pensándoo mellor- o tema vai parecéndome máis normal. Esta noticia xúntase coa que afirma que Entrepinares vai empezar a producir en Vilalba queixo de barra, que redondea a nosa crenza de que Vilalba é terra de queixo con interesante futuro.

En relación co Queixo de San Simón, os vilalbeses estabamos afeitos a que tivese unha forma determinada, unha textura, un sabor, produto dun determinado proceso que procedía da noite dos tempos e proporcionaba un queixo tan característico que a súa presencia o identificaba. E estabamos afeitos ó seu nome porque procedía da parroquia de San Simón da Costa, nos límites montañosos do noso concello chairego, levando un nome que garantía a súa procedencia.

Pero logo constituiuse a denominación de orixe “San Simón da Costa”, onde parece ser máis importante a esencia do queixo que a súa pura procedencia xeográfica, e parece xusto que así sexa porque cando se fala de viños aténdese especialmente ó tipo de uva, e falando de queixos fálase de “queixo tipo Arzúa”, Cebreiro, Tetilla... e agora tipo San Simón”.

Ata agora había oito queixerías dentro da denominación, entrando agora a novena, e primeira fora do concello vilalbés, á que só lle falta a licencia de actividade para entrar oficialmente en funcionamento.

A empresa está situada en Crecente, do Concello da Pastoriza, e producirá queixos de San Simón ecolóxicos, co que se entra nunha dimensión diferente en canto á alimentación das vacas e polo tanto no resultado da producción, no queixo.

Antes, cada queixo era un produto diferente e o seu sabor respondía a un momento especial. Dependía de conseguir leite abondo nun momento determinado, tempo libre do confeccionador – case sempre confeccionadora- e supoño que da temperatura ambiente e das condicións do lugar onde se facía. Eu teño que confesar que son devoto de case todos os queixos que se producen no mundo coñecido, e que debecía por aqueles queixos artesáns agora prácticamente desaparecidos onde cada sabor era un misterio que só podía desentrañarse cando o queixo se partía.

E recoñezo que os queixos de agora, sen tanta probabilidade de sorpresa, teñen conseguido un nivel de sabor e presencia moi alto, co que hai prácticamente a garantía de que o queixo que se merca vai responder ás apetencias do devoto queixeiro.

A existencia da denominación de orixe que controla o traballo das queixerías vilalbesas ou – desde agora- de concellos da comarca, garante calidade e presencia, á vez que publicidade e consideración. Que coido xa é dicir abondo para un produto que ten gañado unha cota de mercado moi importante.

Seguro que os queixos de san Simón habituais, ou os queixos de San Simón ecolóxicos, seguirán medrando na consideración das xentes polo traballo da súa promoción e cuidado.

E se o turismo é vital como elemento de promoción e explotación dos recursos naturais e producións artesanas da comarca, velaquí que temos un produto esencial que nos demostra con feitos que o progreso é posible, baseándonos nos elementos máis representativos da nosa artesanía.

28 de abr. de 2010

5 comentários :

  • Os produtos da terra non teñen futuro ningún de existir a actual política folclorista. Se o queixo de San Simón acadou certa sona fora da Terra Chá, non foi polos poderes fácticos que nos gobernan, senón grazas ao gran esforzo realizado por Queixerías chairegas. O futuro do Queixo, do Capón, e dos produtos tipicamente chairegos, débeselle as que traballan a cotío neles, o resto é auga de borrallas. O día que desfallezan, igual unha multinacional estranxeira comeza a producir "Fromage du San Simonneil".

    XAN DO MUÍÑO.

    30 de abril de 2010, 16:48

  • E por qué os poderes fácticos teñen que facer nada? Cando nos borraremos esa idea da cabeza? O peor que lle pode pasar e lle está a pasar aos productos "da terra" é a dependencia que teñen das administracións públicas- un auténtico desastre. E por riba, a xente a queixarse do mal que o fan... Si unha multinacional fai o "Fromage du San Simonneil" será porque os que fan o queixo de San Simón non o fan o suficientemente ben como para evita-la fagocitación. Pero claro, sempre e mellor chorar pola axuda pública que poñerse as pilas. Así nos vai.

    1 de maio de 2010, 23:15

  • Coidadiño con Entrepinares. Axudada pola administración con moitos euriños para montarse, non vaia ser que cando lle saia do saio ao propietario, lles dea por fabricar queixiños de San Simón. Están radicados na Tera Chá e teñen dereito a facelo. Miña naiciña...

    4 de maio de 2010, 19:10

  • E benvido seña o Entrepinares: alomenos xerará mais postos de traballo e comercializará mellor o queixo, cal e o problema? A Vilalba élle igual que o que se leve os cartos sexa o Daniberto, o Prestes, ou un de Valladolid, o que realmente importa e cantos postos de traballo vai xerar, e canta riqueza vai distribuir no pobo (proveedores, postos indirectos, etc...). Si Entrepinares fai queixo de San Simón, benvido sexa. Ogallá o fixese tamén Besnier (ollo, que si non o fai, por algo será).

    6 de maio de 2010, 02:30

  • O queixo de San Simón o fixo famoso a parroquia de San Simón e aledañas, como Samarugo e Vilapedre.
    As axudas da administración son sempre máis para empresas como Entrepinares.Os Queixeiros de San Simón tamén teñen dereitos como os de Castilla ou os do País dos cen queixos, Francia, quenes por certo ambos os dous teñen un ratio superior.
    A D.O. Queixo de San Simón tena Nestlé.
    Entrepinares e bó que veña, ciuestión de economía.

    FENDETESTAS

    12 de maio de 2010, 13:35

Danos a túa opinión