Presentación en Compostela de Galegolab

Redacción

Mañá mércores 9 de xuño terá lugar ás 12 horas no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela a presentación de GalegoLab, un colectivo para sumar esforzos e vontades en defensa do idioma galego, un laboratorio para crear e desenvolver accións positivas a prol da lingua, principalmente centradas nas culturas emerxentes e nos sectores máis novos da sociedade.

QUE É (OU SERÁ) GALEGOLAB?
Un colectivo –constituído baixo a forma xurídica de asociación cultural- que ten como obxectivo de sumar esforzos e vontades, coñecementos e contactos, habilidades e afeccións en defensa do idioma galego, con tres especificidades: son accións (e non reflexións ou debates, manifestos ou chamamentos), sono en positivo e especialmente centradas nas culturas emerxentes e nos sectores máis novos da sociedade. É unha iniciativa que non compite coas xa existentes en defensa do galego, senón que as complementa (e mesmo lle ofrece os seus servizos). Aínda que a súa creación está determinada en boa medida polas recentes decisións políticas que afectan ao idioma, o seu percorrido temporal vai máis aló da circunstancia actual, e pretende configurarse como unha ferramenta permanente de difusión do galego.

A súa reunión fundacional celebrouse o 11 de marzo no Club Financeiro Atlántico da Coruña.

PROXECTOS EN MARCHA
Ademais da súa propia constitución, GLab está a promover unha ferramenta informática, GALEGOLAB (a partir do mércores 9 de xuño accesíbel en www.galegolab.org), a xeito de rede social ou instrumento de crowdsourcing, que promova e coordine achegas de medios humanos, materiais e monetarios para levar adiante esas accións positivas propostas fundamentalmente polos usuarios de GALEGOLAB, ou ben pola propia GLab. Tanto a Asociación como a Rede Social están pensados para realizar actuacións propias como, sobre todo, colaborar en calquera actuación de persoas ou entidades dirixidas á promoción do galego.

As primeira accións que se propoñen -a realizar con medios propios ou mediante as achegas vehiculadas pola plataforma GalegoLab- son Galego de Ida e Volta, concertos na Coruña e Vigo de grupos que empreguen o galego con concerto e actividades paralelas en ambas as cidades, 24 horas full screen, un concurso de vídeos de 5’ que documenten a experiencia persoal de falar galego 24 horas diarias, e Galego Gym, unha edición de músicas de difusión libre pensadas para todo tipo de disciplinas ximnásticas.

FUNCIONAMENTO/FINANCIAMENTO
GalegoLab está formado por socios/as fundadores/as, que son, ademais das persoas asistentes á Asemblea Fundacional, as que dean o seu consentimento antes do acto de presentación, o 9 de xuño de 2010, ás 12.00 h no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela, ou as que asistan ao acto e dean alí a súa conformidade.

As socias fundadoras farán unha derrama inicial (mínimo 30 € por cabeza) para financiar a ferramenta informática. A partir de aí, mensualmente a cota será de calquera cantidade a partir de 10 €. As socias fundadoras poderán formar parte dos comités que validen as propostas para GalegoLab.

Poderán irse incorporando socias que se comprometan ao pagamento dunha cota mensual de polo menos 10 € e unha cota voluntaria de inscrición, e colaboradoras que unicamente farán achegas económicas voluntarias. Anualmente celebrarase unha asemblea de socias.

En reunións presenciais mensuais validaranse as propostas propias ou de terceiros. Artellaráse un sistema de voto electrónico para as que non poidan asistir.

8 de xuño de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión