Xavier Cea, novo presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego

Redacción

"Unha lingua que é utilizada por aqueles medios de comunicación que unha sociedade utiliza é unha lingua con prestixio; unha lingua sen presenza neses medios, perde valor aos ollos dos seus usuarios, porque se decatan de que é pouco útil". Esta é unha reflexión recollida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que lembra tamén a relevancia dos medios como difusores do modelo de lingua culta.

Conscientes da súa responsabilidade, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, A Peneira, Tempos Novos e Vieiros impulsaron no 2004 a Asociación de Medios Escritos en Galego (AME), que acaba de escoller como presidente ao subdirector do único xornal diario en galego, Xavier Cea. "O noso traballo como asociación centrouse na presenza en espazos de ámbito cultural, como o AchegArte, e mediático, para reivindicar un tratamento por parte da Administración que nos permita reforzar os ámbitos estrutural, profesional e tecnolóxico, de xeito que poidamos chegar mellor á xente e ser autónomos", indicou Cea.

O feito de publicar de modo exclusivo en galego, nestes intres, entraña un importante risco empresarial, e máis nun momento de crise como o actual. "Os medios en galego somos un factor fundamental da normalización da lingua, polo que é normal que precisemos protección", subliñou o subdirector de Galicia Hoxe.

Así, representar ao sector diante das Administracións, así como de todo tipo de institucións públicas e privadas, é un dos alicerces da actividade da AME, como o é o compromiso coa lingua. Así, o novo decreto do galego no ensino, o coñecido como Decreto do Plurilingüismo", supón "un paso atrás", ao ver de Cea: "Para competir en igualdade de condicións coa prensa escrita en castelán, temos que ter lectores competentes en galego. Se no futuro esa competencia disminúe, tamén suporá para nós unha desvantaxe no mercado".

7 de xuño de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión