María Xosé Lamas
O Golpe e a súa dona, tíos de meus pais, viñan de convidados á casa polas festas de San Ramón. O día do patrón e o da feira non faltaban á cita anual ataviados coas súas mellores galas. O tío José, que nunca cambiaba de talla, traía o seu traxe de tres pezas a raias de cor pardenta e pucha de viseira nova; a tía Remedios, algún vestido estreado para a ocasión acompañado de chaqueta de punto, sempre de cores moi vistosas, e zapatos de estrea.
Mais o vestiario de a cotío era ben diferente. A roupa de a diario tiña tantos remendos que non se sabía cal era a tea orixinal. De nena chamábanme tanto a atención aquelas pezas que lle cheguei a preguntar a miña nai se os tíos eran pobres. Non o eran, pero estaban afeitos a aproveitar o vestiario até que non servira para poñer, pois lembraban os tempos de posguerra no que tiñan que facelo sen alternativa. Esa época marcou a moita xente e orixinou costumes non doadas de erradicar.
Meus pais, que naceron cando a guerra, viviron a infancia durante ese período de pobreza en todos os eidos da existencia e téñenme contado, entre outras cousas, como vestían daquela.
No agro, quen tiña un traxe e un abrigo podíase sentir afortunado. Non existían modas, senón costumes e algunhas “normas” que cumprir en determinadas ocasións. Tampouco na vila había roupa de confección, os poucos comercios cos que se contaba (A tenda da Coxa, O Casavedra, As Tres Bes e Casa Julio) só vendían teas, fíos e complementos de costura. Nas feiras e feiróns, as tendas ambulantes como a da Magdalena, ofrecían tamén tecidos.
Xastres e costureiras eran os encargados de confeccionar a roupa casa por casa, o mesmo que outros profesionais como zoqueiros, carpinteiros, canteiros, afiadores e paraugueiros. Adoitaban coser durante varios días nos que ademais de facer roupa nova, tanto de fóra coma interior, amañaban prendas xa usadas, sobre todo remontaban pantalóns, é dicir, mendábanos con cueiras e a parte dianteira das perneiras –por onde máis se gastaban, con tea nova.
Os tecidos de fábrica variaban moito de calidade e prezo, pero a modo orientativo, a tea de batista para un vestido de muller podía adquirirse por unha peseta, xa que o metro era a real.
As mulleres, en xeral, vestían de xeito moi semellante ao traxe galego do medio rural que hoxe coñecemos por ser utilizado polas bailadoras e cantareiras das agrupacións de música tradicional: faldra longa, chambra, chaqueta ou chaleco e pano da cabeza.
A faldra (de pano, para saír e de candil, para diario) era longa até os nocellos, por enriba da que se colocaba un mantelo curto. A chambra, de liño ou algodón tecido delgado, estaba aberta de arriba a baixo con colo camiseiro e manga longa; adoitaba estar fruncida ou cortada pola cintura para que quedara unha faldriña enriba da saia. O pano de saír era de raso escuro con flores, ao que chamaban “pano de marino”; o de a diario era de batista. Nas persoas maiores a roupa era máis escura, moitas veces moura e substituían ou cubrían a chambra cunha toquilla de ganchillo; quen podía, gastábaa de pelo de cabra, quen non, de la. Estas prendas eran de forma triangular e poñíanse cruzadas no peito e anoadas no lombo.
A roupa interior usada eran os calzóns de algodón, os refaixos de batista e as camisas. Estas confeccionábanse en dúas partes: o cos, de lenzo, e a faldra, que podía ser de calquera tecido.
Habitualmente usaban zocas chinelas que se pulían con area para ir á feira ou á misa.No rural, os zapatos non existían; só se gastaban as zapatillas de pano.
Os homes gastaban roupa interior feita tamén na casa (camisas e calzóns). Como roupa de fóra, chambras chaquetas de dril ou pana, chamadas chamarretas, e pantalóns do mesmo xénero. A diario gastaban tamén zocas calugas, zocos (nalgúns lugares, galochos) e zocas de cana.
O vestiario das mozas e mozos non difería moito do mencionado. Non obstante era costume que as mozas levaran chamarretas e vestidos de batista floreados algo máis curtos (polo papo da perna) e medias de seda, non de punto inglés como as mulleres maiores. Adoitaban usar zapatos de medio tacón e abotinados, sempre negros ou castaños e de cordóns.
Canto aos accesorios, non adoitaban levar bolsos. As maiores usaban faldriqueira e as mozas levaban os cartos envoltos nun pano e metidos no seo.
As nenas vestían de xeito parecido ás mozas, pero coa faldra máis curta e poucas veces usaban zapatos. Os nenos levaban até os quince ou dezaseis anos pantalón curto e medias de la que lles tapaban os xeonllos e que suxeitaban por enriba deles cunhas ligas. Ao pasar desta ideade e até os vinte anos, mais ou menos, xa poñían os pantalóns longos e bombachos. Para saír usaban ás veces uns rudimentarios zapatos de goma, semellantes aos chanclos , de cor marrón.
O roupeiro non variaba en anos e as prendas de roupa aproveitábanse, como se ten dito, até que xa non valían para poñer. Pero non se acababa aí o seu uso. A roupa vella desfacíase en tiras e era utilizada no tear para facer as colchas de trapo.
Hoxe non se recicla. Como moito dóase a institucións de beneficiencia, ou para campañas de recollida co fin de paliar as necesidades provocadas por algún desastre natural ou as guerras. Non estaría mal que nos propuxeramos reducir o noso consumo e reciclar máis, como nos ensinaron a facer os nosos devanceiros. Aí queda a idea para a reflexión…
0 comentários :
Danos a túa opinión