Axudas aos medios en galego

Redacción.-

Os medios en galego son necesarios e precisan das axudas públicas, pero as empresas deben perfeccionar a xestión e ter en conta os indicadores e os comportamentos do mercado. É a principal conclusión da xornada de reflexión e debate celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG), coa participación de representantes do sector e investigadores da comunicación. A sesión foi clausurada polo Presidente do CCG, Ramón Villares, logo da intervención do Secretario Xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, que anunciou a continuación das axudas específicas para os medios en galego “nun marco orientador e regulador que non estará operativo ata finais de 2012”.

A xornada de reflexión e debate “Os medios impresos e electrónicos en rede en galego. Panorama presente e desafíos” situou nun primeiro plano o precario panorama xeral da economía mediática, tamén en Galicia, e as dificultades engadidas para algunhas empresas, e microempresas, de comunicación. Neste marco, afirmou Francisco Campos, profesor da Universidade de Santiago, hai que mellorar a xestión e facer máis rendibles as axudas institucionais. Pola súa banda, Valentín Alejandro, profesor da Universidade da Coruña, aludiu á necesidade de novos modelos empresariais que presten especial atención á elaboración dos contidos.

Os responsables dos medios amosaron as súas preocupacións nun panel coordinado por Xosé Manuel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Guillerme Rodríguez, director de A Peneira, botou a faltar unha maior cooperación e compromiso “cuns medios que contribúen a facer país”.

Xavier Cea, subdirector de Galicia Hoxe e Presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME), falou dunha case testemuñal presenza dos medios en galego fronte aos impresos en castelán e amosouse partidario de contar cunha maior oferta para poder ter máis demanda.

Alfonso Álvarez Riveiro, director do gratuíto De Luns a Venres, lembrou que a situación da prensa en Galicia xa non era moi boa antes da crise e, en clave autocrítica, aludiu ao negativo sobredimensionamento nalgúns casos e á “excesiva dependencia da publicidade institucional”. Previamente Victor F. Freixanes, profesor da Universidade de Santiago, aludira tamén á “fraqueza estrutural das propostas que periódicamente se fan verbo das alternativas de comunicación en galego” e á dificultade para xerar “dende a sociedade civil empresas, medios e iniciativas en lingua galega rendibles e con penetración social”.

O Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, falou da necesidade dun novo esquema de comunicación, no que se está a traballar e para o que pediu a colaboración do Consello da Cultura Galega. Asegurou a continuación das axudas diferenciadas para os medios en galego nun novo marco orientador e regulador que non poderá estar operativo ata finais de 2012.

A xornada foi aberta e clausurada polo Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que agradeceu a colaboración do Secretario Xeral de Medios e anunciou a continuación desta liña de debates, coordinados polo Arquivo da Comunicación, que dirixe Xosé López García, profesor da Universidade de Santiago e Secretario do CCG (na fotografía). Ao remate da mesma, os asistentes recibiron como agasallo un exemplar do número especial de 2010 de A Voz de Vilalba, publicado en papel o pasado verán e distribuído polos concellos da Terra Cha e as principais cidades de Galicia.

26 de out. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión