Galicia, ceo das letras

Redacción.-

A Cidade da Cultura de Galicia avanza a súa programación para 2011 co ciclo Galicia, ceo das letras, doce sábados de autor adicados a homenaxear a grandes figuras da literatura galega e universal a través dunha serie de actividades literarias mesturadas con representacións artísticas. Dende o sábado 15 de xaneiro ata o sábado 25 de xuño pasaran pola Cidade da Cultura creadores e persoeiros tan relevantes como María Kodama, viúva de Jorge Luis Borges; o actor José Luis Gómez, Premio Nacional de Teatro e que traballou con directores como Pedro Almodovar ou Milos Forman; a cantante Dulce Pontes; o compositor de música contemporánea e Premio Nacional de Música, Mauricio Sotelo; a compañía teatral Casa Hamlet; ou o pianista Nacho Muñoz, entre outros.

Este ciclo, que está organizado en colaboración con boa parte das grandes institucións culturais galegas, preséntase como un diálogo entre a literatura e as outras artes. Cada unha das doce sesións estará adicada a un escritor, onde haberá unha charla inicial impartida por un experto de referencia, posteriormente desenvolverase unha actuación artística ligada ao espírito do autor homenaxeado e finalmente servirase un aperitivo. As representacións artísticas, que servirán de apoio para apreciar mellor a excelencia de grandes figuras da literatura galega e universal, van dende montaxes teatrais, espectáculos musicais, producións cinematográficas ou proxección de documentais.

O ciclo constará de doce sesións ou doce sábados de autor, entre xaneiro e xuño, que inclúe doce escritores: nove galegos e tres "veciños convidados". A escolma galega está composta por Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Camilo José Cela, Martín Códax, Ramón María del Valle Inclán, Álvaro Cunqueiro, Xosé Ánxel Valente, Gonzalo Torrente Ballester e Eduardo Blanco Amor. A tres sesións especiais serán as adicadas a Jorge Luis Borges, Fernando Pessoa e Salvador Espriu. Este tres últimos estarán representando os vencellos entre a Literatura galega e a Iberoamericana, a portuguesa e as outras literaturas da Península, neste caso a catalá.

Galicia, ceo das letras arranca o sábado 15 de xaneiro, catro días despois da apertura dos seus dous primeiros edificios, coa sesión adicada a Rosalía de Castro, có galo de que en 2011 se cumpren os 125 anos do seu pasamento. A sesión comezará cunha charla de María do Cebreiro, e posteriormente a compañía teatral Casa Hamlet, dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, presentará un espectáculo con textos de Rosalía dramatizados e musicados. A presentación correrá a cargo da presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro.

O ciclo Galicia, ceo das letras organízase coa colaboración de catorce entidades que representan unha selecta escolma das grandes institucións que traballan pola cultura galega: a Fundación Rosalía de Castro, Real Academia Galega, Fundación Camilo José Cela, Casa Pessoa, Fundación Penzol, Catedra Valle Inclán e Catedra Xosé Angel Valente da Universidade de Santiago, Institut Ramón Llul, Consello da Cultura Galega, Fundación Torrente Ballester, Asociación de Escritores en Lingua Galega e Fundación Internacional Jorge Luis Borges.

A participación en Galicia, ceo das letras será gratuíta, mais será necesario inscribirse para reservar praza xa que o aforo da Biblioteca de Galicia é limitado. Para facelo pódese chamar ao 881 979010 ou facelo a través da web www.cidadedacultura.org, onde atopará tamén toda a información sobre as datas e o contido de cada sesión.

Imaxe: Fuco Reyes ©

4 de xan. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión