O país da auga

Xulio Xiz.-

Hai anos falouse de Galicia como "o país dos mil ríos" nun slogan que recoñecía unha realidade fluvial aproveitándoa para atopar unha definición do país, cando menos, chamativa.

Agora fálase do "País da auga", tendo en conta non só as augas dos dous mares que nos bañan senon as mesmas dos ríos que irrigan todo o territorio, as dos mananciais diversos, e mesmo as augas caldas ou medicinais, que posuímos en Lugo, Céltigos e Guitiriz, e as lagoas do Ollo, Caque ou Cospeito, con encanto e misterios milenarios.

Pero o auténtico país "da auga", pasando ó terreo real e diario, tiñámolo na semana pasada en moi amplas zonas da Terra Chá, sulagadas pola choiva.

O día de Reis estaba programado un acto en Castro de Rei que ía celebrarse no Teleclub da vila, para lembrar que hai arredor de trinta anos en Castro, Carballo e un grupo de mozos fixeron historia a través do teatro, con obras como "Bo Nadal", "Vaise Pechar unha casa máis" ou "Recobrou o sorriso o Eleuterio", das que Xosé Manuel é autor. E alí íamos xuntarnos os que fomos protagonistas ou testemuñas daquela importante xeira cultural.

En canto saín de Lugo e entrei na Terra Chá, por Rozas, empecei a ver auga a Deus dar. A que caía do ceo e a que xa estaba no chan. Fincas nas que só sobresaían da auga os cañotos do maiz, prados que eran pequenos mares, regatos improvisados que desaugaban na estrada... Todo era auga. Pois si que estamos no país da auga¡, pensei.

E ó chegar a Castro de Rei, o que era previsible. O Teleclub que está instalado no medio duns prados, subido a uns piares, era unha auténtica illa na que non se podía entrar se non era en barca.

Os actos tiveron que ser trasladados á igrexa parroquial, que está no máis alto do pobo, antigo castro, coa que a auga non puido. E alí, co permiso do crego, Xosé Manuel Carballo, houbo cultos civís ou seglares, ou como se lles queira chamar: Os valuros tocaron unha boa chea de pezas, representouse a obra "Recobrou o sorriso o Eleuterio", recitou poemas do Nadal o poeta chairego Xosé Otero Canto, proxectouse unha filmación histórica de hai 27 anos de "Bo Nadal", e entregouse a todos os que tivemos algo que ver daquela con esta iniciativa unha copia en DVD da gravación.

A igrexa estaba ateigada, con xente fora con paraugas abertos, que non deixou de chover en toda a tarde, e o país da auga foi durante esta tarde en Castro de Rei o país do teatro e do Nadal, que tamén é algo do que se pode presumir en Castro de Rei onde hai xa trinta e catro anos representaron teatralmente "Non chores, Sabeliña" de Xosé Trapero Pardo.

Díxeno alí e repito aquí, agora. Da gusto cumprir anos para poder lembrar cousas gratas ó cabo do tempo. Da gusto comprobar que pasaron trinta anos daquela aventura teatral en Castro de Rei, que moitos dos que daquela actuaban seguen actuando, e de que todos os que participamos en algo e fomos testemuñas seguimos sendo uns rapaces, por dentro. E damos por bos os anos transcurridos comprobando que todos seguimos mantendo acesa a ilusión que entón nos movía.

11 de xan. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión