Cunqueiro cumpre cen anos

Xulio Xiz.- 


Se falo de Cunqueiro parece que non falo de Vilalba, e sen embargo falo de Vilalba como falo de toda a provincia de Lugo, e de toda Galicia.

Cunqueiro cumpre cen anos, e segue vivo aínda que hai trinta anos que morreu. El nacera en Mondoñedo en 1911, e morreu en Vigo en 1981. E nos seus setenta anos de vida creou mundos coa súa pruma dun xeito tan fermoso e tan polifacético, que fixo verdade a frase que figura na súa tumba no cemiterio mindoniense: “Aquí xaz un home que fixo que Galicia vivise mil primaveras máis”.

Só entrevistei unha vez a Cunqueiro, cando o coñecín persoalmente, e foi precisamente na feira dos capóns en Vilalba, a finais dos anos setenta. Eu acudira a aquela feira do capón para informar nos medios nos que traballaba, Radio Popular de Lugo e El Ideal Gallego. Despois de ver como ía a feira, tiven a seguridade de que redondearía o meu traballo cunha breve entrevista a Cunqueiro. E así o fixen. Dirixinme ó que coidaba don Álvaro e pedinlle con todo respecto que me fixese unhas declaracións do que era para el aquela feira do capón.

Aquel home alto díxome que non lle importaba declarar o que fose, pero que moi posiblemente eu non quería falar con el, senón con seu irmán Álvaro, que por alí andaba. Á segunda foi a vencida, que Cunqueiro tiña esa xenerosidade dos grandes de estar sempre disposto a colaborar no que se lles solicitaba.

Cunqueiro era un devoto de Vilalba, como era devoto dos lugares que tiñan características especiais en canto á gastronomía e produtos do país. De Vilalba destacaba especialmente os queixos de San Simón, e por riba de todo os nosos capóns, sendo un asiduo á anual Feira do Nadal.

Tiña como o seu mellor amigo vilalbés e experto en capóns, ó "Vello Chao", propietario do Hotel Chao, que sempre era o seu anfitrión, e ó que pedía consello para mercar, para saber como ía a feira.

Estes días andiveron en Mondoñedo homenaxeando a don Álvaro, e alí fun falar sobre Cunqueiro e a gastronomía, un mundo no que me metín a petición da organización, e aínda que coidaba saber del, volvín marabillarme ó ver a inmensidade da perspectiva cunqueiriana en relación coa nosa comida, os seus coñecementos e as súas invencións.

Estamos no ano de Cunqueiro, e a homenaxe comezou en Mondoñedo e rematará en Vigo, pero ten que pasar por toda Galicia, que en toda Galicia influíu, en toda Galicia fixo amigos, e non esqueceu ningunha das nosas cousas de comer.

19 de feb. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión