Para que serve a esquerda?

Fermín Bouza.-


Onte escribía Josep Ramoneda un artigo provocador e suxestivo que volvía expor o eterno tema de para que serve a esquerda ou esta esquerda se ao final sempre gañan os do capital, os mercados e todo ese mundo que, finalmente, fixo imposible calquera emancipación baixo bandeira comunista, socialista, socialdemócrata, libertaria, liberal (auténtica, digamos) ou de calquera outra clase coñecida ou por coñecer. Ramoneda dío moi ben, e está obrigado, pola síntese xornalística, a parecer máis tallante do que en realidade poida ser a súa concisa narración: Estamos, por tanto, nunha fase excepcional de cambio. E é lóxico que nela reapareza o mito do consenso, que na transición acabou sendo tan pegañento como a canción do verán. Pero esta crise tivo a virtude da obscenidade: mostrou con máis descaro que nunca o que o pudor, polo xeral, evita exhibir. De modo que quedou máis en evidencia que nunca a impotencia do poder político ante o poder económico.

Desde logo que foi así, e que a praza de político con capacidade de decisión sobre as políticas dun estado (poñamos o mesmo Zapatero) non é envexable: ten posibilidades operativas moi limitadas entre marxes de presión que ás veces se tocan. É complexo e frustrante, pero alguén ten que facelo, de esquerda ou de dereita, tomando estas denominacións, ao vello estilo, como modos de buscar o ben común, non como formas bastardas de servir aos mercados. Pero é certo, se alguén fracasou á hora de chegar a sociedades estimulantes é a esquerda. A dereita limitouse a identificar a desigualdade co sentido común e o benestar, e a seguir esa pista até hoxe, e todo iso tendo tamén, como a esquerda, excelentes "pensadores", como antes
se dicía, ademais dos homes do puro, o látego e o bandullo, ou o fusil unidireccional, ou o altar ao servizo do mesmo soño.

O clásico despotismo oriental (que tanto preocupou a Marx) está hoxe representado polo réxime chinés, de orixe comunista, evolucionado a expresión extrema de precapitalismo asiático, en vésperas xa da súa definitiva transformación en réxime capitalista predemocrático que algún día non lonxano acadará a estabilidade democrática completa baixo ese rótulo económico. Velaí un paradoxo brutal que paga a pena coñecer e reflexionar ao máximo para explicar as dificultades da esquerda histórica revolucionaria para chegar a ser un réxime aberto de liberdade e progreso sen manter fórmulas militares ou case militares de goberno. 

Pero o caso da socialdemocracia, que é do que fala Ramoneda, é outro, e as súas dificultades son doutra orde. Son desa orde que alude aos problemas de quen quere cambiar as cousas e atópase, sistematicamente, co doberman de quenda (os mercados ou... quen sexa) que lle lembra que os procedementos socialdemócratas non son compatibles coa boa orde das cousas, é dicir, da economía. Ou dito ao xeito de Ramoneda: a política segue sendo subsidiaria desa orde superior.

A pesar de todo, a socialdemocracia tivo evidentes éxitos que cambiaron o modo de vivir nos países chamados capitalistas (e a idea de mercado ten que separarse da idea que temos do capitalismo, porque o contrario sería irmos directos ao Falansterio ou cousa semellante). Pero a socialdemocracia non nos seduce nos momentos críticos, cando as cousas devolven o poder á economía así pensada e derrúbase a metade do soño pacífico e transformador da socialdemocracia.

Non esquezamos tampouco que non só nós, os que queremos impulsar un escenario mellor, debemos convencer e ilusionar á xente, senón que é tamén a xente a que debe persuadir aos seus líderes económicos, políticos ou intelectuais. É hora de mirar a esa multitude e contestar tamén ás súas críticas: e vós que facedes, que sempre acabades por deixarnos sós cando realmente queremos cambiar algo? Así foi con absoluta frecuencia. Rajoy, para gañar as eleccións, non necesita nin entender a súa propia letra, abóndalle ver pasar o cadáver do seu inimigo ante unha multitude acrítica, desinformada e compracente. Agardo que non sexa así e que no novo ciclo económico positivo poidan recuperarse algunhas cousas perdidas nesta treboada de ineficiencias e estafas colectivas das que agora se quere cargar o morto á esquerda que manda. Hai que ir virando a artillaría cara a onde está a cabalaría e as trompetas inimigas, que son as do vello réxime (no sentido de Ancient régime) tentando volver.

10 de feb. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión