Enfermos de realidade

Por César Reis.-

A mellor metáfora dos tempos que corren protagonizouna, sen dúbida, Dominique Strauss-Kahn, exdirector do Fondo Monetario Internacional, ao abusar (supostamente) dunha camareira de hotel, inmigrante para máis inri. Xa saben, o capital fodendo nos traballadores sen o consentimento destes. Que o paxaro sexa, ademais, socialista non é anecdótico nin baladí, é unha mostra máis da conivencia dalgúns políticos de esquerda co capital, pois, como moitos lembrarán, en lugar de “refundar” o marxismo cando se deu a ocasión, sumáronse á “refundación” (de novo ese palabro) do capitalismo dun xeito obsceno e flagrante.

Pero a realidade é túzara e empéñase en inmiscirse na vida dun sacándoo da cova das lecturas nas que outro mundo é posible. Leo desde hai un tempo os diarios de William L. Shirer, eses apuntamentos que o xenial xornalista norteamericano publicou en 1941, despois de deixar a Alemaña nazi na que vivira sete anos. Neles, cunha lucidez e unha perspectiva temporal fóra do común, contaba como se viu desde dentro o auxe do nazismo, a perda de liberdades e as manipulacións por parte duns dirixentes sen escrúpulos capaces, non só de enganar ao seu propio pobo, senón tamén de saltarse á toureira os pactos asinados coas nacións estranxeiras. E, aínda que non pretendo trazar, nin moito menos, un paralelismo coa saúde das actuais democracias europeas, si me resultan rechamantes algúns dos seus comentarios sobre o uso da propaganda por parte do doutor Goebbels. Fálanos o norteamericano de masas enfebrecidas ondeando bandeiriñas nos mitins do partido absortas nas palabras do Guía, roldas de prensa sen posibilidade de preguntas, distribución aos xornalistas de discursos xa gravados e editados… Entón acórdome da campaña electoral.

Ante a pasividade de todo o mundo, incluídos os propios medios, por abusos como os anteriormente citados, sobresae o 15 de maio esta masa dos que se fan chamar “indignados”. Imaxínome que detrás do nome está Indignez vous!, ese libriño de Stéphane Hessel, antigo membro da Resistencia e colaborador na elaboración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O seu marabilloso panfleto vendeu hai uns meses, só en Francia, máis de 850.000 exemplares. (Un pensa, aínda que non o escoitou en medio algún, que se cadra puidera estar detrás das revoltas deses países árabes cheos de poboación francófona.) Aínda que non deixen de ser unha “masa” (con todo o que iso connota) e malia o discutible nome do movemento, “Democracia real xa”, os indignados foron a única nota fresca dunha campaña electoral na que os políticos exerceron de tales (tamén con todo o que iso connota), cun entusiasmo máis ben finxido e a mesma escasa consideración ou respecto de sempre cara á educación, entre outras cousas, do electorado. Din os analistas (non sei se os mesmos que non intuíron as revoltas árabes) que estes “indignados” son, sobre todo, votantes de esquerda descontentos. É certo que neste sector está máis presente o espírito crítico, mesmo cos seus propios dirixentes, que entre os conservadores. Pero, vista a cuestión en termos de oportunismo electoralista, non deberiamos esquecer que, hai uns meses, o portavoz do PP González Pons incitaba ás masas a un tipo de revolta similar, comparándonos trabucadamente (ou niso coincidiron os analistas) cos países árabes, e isto debería facernos reflexionar.

Volvo ao meu mundo, aínda que non podo deixar de pensar nos “indignados” como uns quixotes que (ao contrario do novelesco) viven enfermos de realidade ao tentar levar a teoría á praxe. Se cadra, como o heroe cervantino, acaben petando, non neste caso coa propia realidade, senón con esa ficción artificiosa que se instaurou na vida privada e pública, política sobre todo, e que non vai ser fácil desmontar, e moito menos dun día para outro.

20 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión