O consenso necesario do PSOE

Moncho Paz.-

Superada a gran resaca das eleccións municipais e autonómicas do pasado domingo, o Comité Federal do PSOE que se reúne hoxe en Madrid abrirá o proceso de sucesión de Rodríguez Zapatero. Todo parece indicar que o vicepresidente Pérez Rubalcaba será a única alternativa e, polo tanto, confirmaráse como o candidato socialista á presidencia do Goberno nas lexislativas de 2012.

Hai que lembrar que unhas eleccións non se gañan ou se perden polo ben que o fai a Oposición, senon polo mal que o fai o Goberno de turno. Neste caso, ao executivo presidido por Zapatero tocoulle emprender unha serie de reformas estruturais que non foron ben acollidas por boa parte do seu electorado. Unhas medidas necesarias para saír da crise e que, paradoxalmente, beneficiarán ao PP e á axenda oculta de Rajoy.

Esta foi unha semana realmente complicada para o PSOE, que nos recentes comicios obtivo os peores resultados da súa historia. Tras varios días de “dimes e diretes”, con declaracións cruzadas entre destacados dirixentes e incluso intrigas protagonizadas por algúns deles, a serenidade e o sentido común chegaron o xoves da man da ministra Carme Chacón. Na rolda de prensa convocada con urxencia na sede de Ferraz anunciaba a súa retirada para non perxudicar ao partido nin ao seu líder provisional, o actual secretario xeral e presidente do Goberno. Deste xeito, queda descartada a fórmula americana das primarias e finalmente triunfará a opción dun congreso, plantexada por Patxi López e os afíns a Alfonso Guerra, no que se definirá a nova estratexia política para os vindeiros anos.

Coido que un bo desenlace deste proceso sería un tándem Rubalcaba-Chacón, que sumaría a experiencia e capacidade de traballo do vicepresidente co aire fresco e a conexión coas novas xeracións que representa a ministra. Tamén serviría para non escenificar diferenzas de cara á opinión pública e dar a imaxe de proxecto en reconstrucción. Unha candidatura de consenso que fuxa das confrontacións internas e facilite o camiño para recuperar a ilusión e o desencanto. En todo caso, as solucións que se adopten hoxe deberán basearse nun debate construtivo, decisivo para replantexar a estratexia política do partido fundado polo galego Pablo Iglesias na Casa Labra de Madrid en 1879.

28 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión