Xosé Manuel Pacho.-
Bansky é un grafitero de sona que está de visita en Nova Iork. A súa arte cotízase moito, pero colle o tipo, por iso da provocación, e decide de incógnito poñer a venda as súas creacións a 60 dólares peza. Vendeu catro, claro. E o outro día Albert Pla, o artista iconoclasta, dixo que lle daba noxo ser español e que tiña que ser obrigatorio aprender catalán en Xixón. E collen, e vétano nun concerto.
Definitivamente, a xente non ten sentido do humor. E a pesar de todo, a teimuda realidade empéñase en sacarnos un sorriso. Porque a ver, agora que se está preparando o xuízo contra Baltar, que só o acusen de prevaricación é gracioso, tan gracioso, como que Bansky en Nova Iork só teña tres clientes. A partir de agora xa non poderán presumir nin de cacique nin de artista.
E claramente Rogelio Fernández, o representante da Xunta en Ourense, é como Albert Pla, un iconoclasta. Se todos temos a idea de que un político imputado e procesado ten que marchar por vergoña, el non. El, como o artista catalán, sigue actuando a contracorrente. Por iso me parece moi ben que a fiscalía non o acuse, esta institución non está para acusar a este tipo de políticos. Está para… Non sei, para acusar a Albert Pla.
E é que a xente non ten sentido do humor. Porque o de que aquel parroquiano de Verín vaia a tomar algo a un local da Gudiña, e despois de pagar, decida roubar, ten gracia. Xusto o contrario do que fai Novagalicia Banco cos preferentistas, que primeiro roubou e agora parece que decide pagar. E tamén ten gracia que a fiscalía tampouco decida acusar.
Agora só falta que alguén lle pareza mal que se subaste o tricornio de Tejero, ou que o Concello de Ourense gaste diñeiro en alugarlle o banco de España ao ministerio de Montoro. Se neste país sobra pasta, o que falta é sentido do humor.
Said
Só un erro, por outra banda habitual. A case todos nos entra mellor pola orella "Bansky". Como que soa a ruso. Pero o nome real é "Banksy". Senón, mirade na Galipedia. http://gl.wikipedia.org/wiki/Banksy