Primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo

Redacción.-

A primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo para principiantes, alevíns e infantís disputarase o vindeiro sábado no circuíto da Pastoriza a partires das 16:30 horas A PASTORIZA, 26 de maio de 2011. O delegado de Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta mañá no circuíto de karting da Pastoriza á presentación da primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo para principiantes, alevíns e infantís que se disputará o vindeiro sábado neste mesmo escenario a partires das 16:30 horas. Ao acto de presentación tamén asistiu a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira; Juan Paz, directivo do Club Ciclista Cidade de Lugo, e David Castro, coordinador das categorías inferiores do club. Antonio Veiga destacou que esta Copa Lugo de Ciclismo vai no camiño "de lograr unha promoción entre as categorías de base dun deporte tan esixente como o ciclismo, dentro do obxectivo xeral de promover o deporte desde a base que sempre tivemos presente desde a Deputación", e que o seu éxito está asegurado porque "a organización corre a cargo dun Club Ciclista que conta cunha ampla experiencia e traballo de base, polo que agardamos que esta primeira proba, que se disputará aquí na Pastoriza este sábado, sexa un éxito". A Copa Lugo disputarase en 4 probas puntuables para os equipos galegos federados que participen, que se calcula que moverán a máis de 100 nenos e nenas: a primeira, o 28 de maio na Pastoriza no circuíto de Kartíng, a segunda o día 11 de xuño en Rábade, a terceira, o día 15 de agosto en Outeiro de Rei e a cuarta, o 8 de outubro en Lugo, no G.P. San Froilán. Os premios serán entregados ao gañador final da copa por categorías e irán puntuando outorgándoselle maillot de líder en cada unha, polo que, segundo explicou Juan Paz, os nenos e nenas terán unha motivación para ver nas probas unha especie de carreira por etapas. Para os vencedores na infantil e alevín, o primeiro premio será un xogo de rodas, para o segundo, un casco, e para o terceiro unhas gafas e no caso dos principiantes, cada vencedor levará un casco.

26 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión