Que parva sou

Miguel Barrera.-

Un canto de impotencia, iso é a canción de Deolinda, a canción que se está a converter, na veciña Portugal, no himno da INDIGNACIÓN. “Que parva sou”.
Sou da geração sem remuneração
E não me incomoda esta condição
Que parva que eu sou
Porque isto está mal e vai continuar...

Canto de impotencia é tamén o alegato de Stéphane Hessel que fai no seu libro “INDIGNÁDEVOS”, preto do final, ós seus 93 anos, na súa derradeira etapa.

Tanto Deolinda como Hessel, quero entender que se dirixen á leña verde que fumea indiferenza, que non teñen capacidade para a INDIGNACIÓN.

Indiferenza, Indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza é o cancro...

“...Que parva que eu sou
E fico a pensar
Que mundo tão parvo
Onde para ser escravo é preciso estudar”

E ¿Que é de nos?, ¿da xeración que está entre Hessel e Deolinda, da xeración que se sacrificou para construír o Estado de Benestar e a xeración que vai a perdelo?.
Nós, cómplices somos, somos a xeración hipotecada, nós somos os culpables da nosa movida, soportando esta chantaxe como nova alienación. Deixámonos no vagar sen resistir; compre a indiferenza. Non vai con nós mentres poidamos pagar as facturas.

Non é novo que se diga que o traballo está depreciado; recoméndovos a lectura do libro de Alain de Botton “Miserias e Esplendores do Traballo”. Interesante percorrido polas diferentes traxectorias que levan o peixe do mar ó prato, o vulnerable que é unha vila inglesa que depende da súa fábrica de galletas, o pouco valor que lle dan á orientación profesional as empresas na procura dos candidatos a cubrir os postos vacantes…o baleiro do auditor ó rematala xornada.

No meu traballo de consultor arreo atópome con situacións semellantes as que describe Botton no seu libro. Estou farto de tanto pesimismo e resignación.

O traballo debe proporcionar ó individuo tres cousas: cartos, estatus e senso. A carencia de senso leva consigo a perda de implicación no que un fai. É o caldo de cultivo para a indiferenza.

Hessel propón dous grandes desafíos que precisan de nos un gran compromiso: a inmensa distancia que existe entre ricos e pobres e a loita polos dereitos humanos e a situación do planeta. Difíciles retos cando os Estados estanse a comportar como subcontratas dos poderes económicos, xa non garanten os dereitos dos seus cidadáns, teremos que reconquistalos.

Por recomendar, recoméndovos tamén a documental “Inside Job” e o libro REACCIONA de José Luis Sampedro, Federico Mayor Zaragoza, Baltasar Garzón (os capítulos de Rosa María Artal sobre a desinformación da sociedade é extraordinario, o mesmo que “ xeración estafada” de Ignacio Escolar).

As lecturas de estes libros poderá axudarvos a entender qué está a acontecer na Praza do Sol de Madrid e no resto das prazas de España, e coido (desexo) que se estenda por toda Europa, en particular en Portugal.

Non cabe dúbida que as regras de xogo trocarán e que o eixo que pode superar esta situación está nunha democracia máis participativa (DEMOCRACIA REAL XA), na responsabilidade social das unidades de produción, das empresas, e no senso que terá/ten para cada un de nós o traballo.

Non creo so no compromiso individual, non quero que meu compromiso se libere pagando unha cota a unha ONG, tampouco en facer labores de voluntariado, e moito menos baleirando co meu voto o meu compromiso.

Precísase algo máis, precísase a nosa implicación responsable co contorno.

A leña verde está comezando a arder na Praza do Sol de Madrid, REACCIONA.

20 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión