Fermín Bouza.-
A bancarización de Novacaixagalicia, vía única de salvación nas actuais condicións económicas do mundo, de Europa, do Reino de España, de Galicia e das propias caixas precedentes, é unha boa noticia para empezar a respirar na miña terra. E será un bo investimento cara ao futuro. Falta agora que a chamada clase política se poña á altura das circunstancias e estimule tamén a esas novas clases medias, motor da dinámica urbana, para que reinicien o consumo e a esperanza.
Sobran discursos estáticos e envellecidos pola dereita e pola esquerda. É a hora de crear esa vasta rede empresarial de pequenas e medianas empresas que operen como rede de seguridade económica e de punto de apoio e de partida de novas grandes empresas (a historia de Zara como un dos modelos máis suxestivos). O modelo vasco é excelente, e explica por se mesmo esa fortaleza económica de Euskadi. Cara aí hai que camiñar rápido e sen medo, saltando se é necesario por encima dos costumes económicos obsoletas das vellas clases medias (unha rémora para nós) e articulando acordos viables entre empresarios e sindicatos, uns e outros ao servizo dun país que se xoga a súa existencia como tal nos próximos anos.
E todo iso coa súa lingua e a súa vontade de ser ela mesma como país. Galicia, pois, como tarefa, no día en que Castelán ascende ao temón de Novacaixagalicia Banco S.A.
0 comentários :
Danos a túa opinión