Redacción.-
A responsable dos sectores gandeiros da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), e secretaria de Soberanía Alimentaria do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, participou o pasado 6 de xullo, en Bruxelas, na xuntanza do grupo consultivo do leite da Comisión Europea. Neste encontro, no que se deron cita representantes de todos os axentes do sector leiteiro europeo e dos países membros da UE, analizouse a situación actual do sector e o impacto que está a ter nel o proceso de eliminación dos controis da produción que se está a facer de xeito progresivo (a denominada “aterraxe suave”) até suprimir o actual sistema de cotas lácteas no 2015.
O panorama debuxado resulta desalentador para o SLG, pois se constatou un aumento considerable da produción de leite que non foi aparellado a un incremento nin da demanda nin do consumo. Países como Francia advertiron do grave risco que se corre de que este desequilibrio entre a oferta e a demanda derive nunha creba do sector a nivel europeo.
Dende que se comezou a aplicar o desmantelamento do control da produción, xa se produciu unha forte crise no ano 2009 e, dende aquela, os prezos apenas se recuperaron. Fronte a este estancamento dos prezos á baixa, os custes para as explotacións non pararon de incrementarse (gasóleo, electricidade, abonos, alimentación animal...), poñendo en grave risco a súa viabilidade económica.
Outro dos fracasos que constata o SLG na política leiteira comunitaria é a negociación de prezos e a formalización de contratos entre as industrias e as explotacións. Países onde se están a formalizar contratos con normalidade, como Francia ou Suíza, constataron que os xigantes da industria, como Nestlé ou Lactalis, son os que acaban impoñendo os prezos e as condicións que máis lles conveñen. Neste contexto, a intención da Comisión Europea de fragmentar o poder negociador das explotacións en asociacións de produtores vai a agravar aínda máis este problema de desigualdade entre as partes, debilitando a capacidade negociadora das explotacións e facendo aínda máis difícil acadar un prezo digno para o leite. De seguir por ese camiño, a Comisión Europea fará posible que se perpetúen, ou mesmo que empeoren, os datos da cadea de valor do sector lácteo que se fixeron públicos onte en Bruxelas: mentres que as explotacións se quedan con pouco máis do 20% do prezo final do leite, as industrias ingresan máis do 30% e as distribuidoras embolsan o 42%.
Isabel Vilalba, en nome da ECVC e do Sindicato Labrego Galego, defendeu unha nova política leiteira baseada no control público da produción e dos mercados como medio imprescindible para manter un equilibrio entre a oferta e a demanda, e para acadar uns prezos dignos, estables e remuneradores para as explotacións, así como na negociación colectiva do prezo do leite a través de interprofesionais nas que estean representados todos os axentes do sector: explotacións, industrias, distribución, consumidores e consumidoras e administración. O SLG aposta asimesmo por un modelo sostible a todos os niveis, que garanta a viabilidade das explotacións familiares; fronte á proliferación de grandes industrias de leite que concentran a miles de animais e usan un modelo insostible a nivel económico, social e ambiental.
0 comentários :
Danos a túa opinión