Redacción.-
Unha trintena de afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego acudiron o domingo 4 de setembro a Compostela para vender directamente os seus produtos á xente que se achegou até a Alameda. Hortalizas e froitas de tempada, viños e licores, mel, marmeladas, queixos, fariña, pan, zumes, froitos secos, legumes, doces, ovos, e un longo etcétera, puidéronse atopar nos postos de venda que, antes de chegar á hora de peche, ás 14:30, xa tiñan rematado no meirande as súas existencias.
O evento, amais de achegar os alimentos producidos polas explotacións directamente á xente, sen intermediarios, serviu para reivindicar a soberanía alimentaria para Galiza.
Respecto do desenvolvemento do mercado, en palabras da secretaria xeral do SLG, Carme Freire, “serviu para constatar que a cidadanía está cada vez máis de acordo con que ten que haber un cambio de rumbo nas políticas agrarias e na política alimentaria. Toda a xente nos está dicindo que lles gustaría poder ter a oportunidade de poder comprar a diario estes produtos, como alternativa aos alimentos producidos industrialmente e comercializados por grandes distribuidoras; e nós, amais de persoas que tamén nos alimentamos, como labregos e labregas, reclamamos que haxa un cambio de rumbo nas políticas agrarias para que poidamos ter o poder de decidir que é o que comemos, que é o que producimos, a quen lle compramos os alimentos, e saber como se produce o que levamos á boca”.
En canto á valoración final do evento, Carme Freire afirmou que “estamos moi contentos e contentas, xa que a resposta cidadá foi moi boa. A xente que compra alimentos e quen os producimos témolo claro; agora, só fai falla que quen nos goberna tome nota disto, e que lexislen e fagan políticas para facer posible que todas as persoas que lle queiran comprar directamente produtos ás explotacións labregas, e que queiran consumir alimentos sans e producidos localmente, poidan facelo”.
0 comentários :
Danos a túa opinión