'Os adeuses' de Alberto Martí

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o venres 2 de setembro ás 20 horas na Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal (A Coruña), a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto contará coas presenzas de Isaac Maceira, Alcalde de Pobra do Caramiñal, Ramón Villares, presidente do CCG, José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Banco Pastor, Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Alberto Martí. A exposición estará na Pobra do Caramiñal ata o 20 de setembro. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.

O que podemos ver na mostra “OS ADEUSES. FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ “é indicativo da grande epopea da emigración galega que cubre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos”, en palabras de Ramón Villares, estudioso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O Presidente do CCG subliña a importancia da relación entre emigración e fotografía, “un valioso acervo documental que merece ser recuperado e no que xa deu e seguirá dando pasos o noso Arquivo da Emigración Galega”.

IDA, VOLTA E “SANTA MARÍA”

“Os adeuses”, comisariada por José Caruncho, estrutúrase en tres áreas: A Ida, A volta e O Buque Santa María e ofrece instantáneas da partida de centos de emigrantes galegos desde os portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque “Santa María”, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano.

Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, salienta no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: “desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeiros atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios”.

O comisario da Mostra, José Carcuncho, propúxose, e conseguiu, “contar unha historia do que significou a emigración para miles de galegos, desde a ida ata, en moitos casos, o retorno á casa”.

Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) agradece o traballo de José Caruncho e o activo compromiso do CCG e do CGAI e destaca o interese xornalístico das imaxes. “Non pensei que foran formar parte dunha exposición”, afirma, logo de lembrar que no seu arquivo conta con millóns de negativos.

As 73 fotografías están recollidas nun catálogo de 150 páxinas editado polo CCG con textos, en galego, castelán e inglés, de Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro, Pilar Cagiao, María Teresa García Domínguez e José Caruncho.

8 de set. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión