Xurxo Martínez González.-
Sóubeno moitos anos despois. Meu avó materno xa morrera cando apenas sabía falar. Xamais puiden conversar con el de tanto como desexaría hoxe. Esa idea peta na mente. Peta decote ao perdermos un familiar, un amigo, un camarada. A morte leva faragullas de memoria compartida, leva anacos de nós. É a soleira iniciática da vida.
Souben que Gonzalo López Abente fora amigo do meu avó, Xosé González Berao. Fórao nos anos da República en Muxía. Alí traballaron xuntos no Banco Pastor e alí compartiron parladoiro local. Despois da guerra meu avó mudará de residencia deica asentarse en Vigo.
Souben tamén que meu avó traballara en La Región de Ourense nos anos que camiñaban cara a democracia republicana. Nacera na rúa da Paz, a poucos portais de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco. Non había moita diferenza na idade. O seu pai, meu bisavó, era o xastre do barrio. Seguramente se trataron, falaron, discutiron, compartiron parolas, simpatizaron ideoloxicamente non por galeguistas senón por católicos. Pero non o sei. Dificilmente o poderei saber no mañá.
En Muxía inaugurouse este ano a Fundación Gonzalo López Abente, na Casa das Beiras. Unha iniciativa necesaria que merece a nosa atención e aplauso. Todo o que sexa pór en valor a tarefa dos nosos devanceiros, situándoos no lugar axeitado, fortalece a preocupación pola cultura galega e reforza a identidade nacional. Máis cando estamos a tratar a un dos poetas da trindade irmandiña.
Non hai mellor expositor dos poetas das Irmandades da Fala que o poemario titulado Abrente, de Victoriano Taibo (figura viva no Val Miñor grazas ao Instituto de Estudos Miñoranos). Este feixe de poemas leva, a xeito de introdución, composicións de Ramón Cabanillas (o bo don Ramón do Salnés) e de Gonzalo López Abente. Era o ano 1922, ano de división no nacionalismo.
Estes tres, a trindade irmandiña, son os representantes da lírica das Irmandades da Fala. Os tres foron militantes activos, os tres quixeron abranguer diferentes xéneros literarios (poemas, relatos, teatro), os tres fixeron proselitismo alá onde residían.
Compararmos a produción de Cabanillas coa dos outros amigos é un desatino. A obra do cambadés está lonxe de atopar parangón cos escritores do seu entón. Pero por esa razón tamén sería un desatino non analizar a obra de Taibo e López Abente individualmente e non sempre baixo o monóculo de seren “epígonos de”.
En Gonzalo López Abente o mar invade coa súa presenza a produción lírica (Escuma da ribeira, Nemancos, Centileos nas ondas etc.). Tamén na súa narrativa aparece, dun ou doutro xeito, o océano (O deputado por Beiramar, O novo xuez etc.). Como non ía ser así cando vivía nun lugar coma Muxía, insua marítima da Costa da Morte. Pero nel aparece con outra técnica distinta a Manuel Antonio, con outra actitude diverxente á de Antón Avilés de Taramancos. Por casos lémbranos a Noriega Varela mais no canto de montaña hai mar, no canto de lameiros hai areais. Sería un caso de paisaxismo marítimo.
A súa obra literaria non adoita ter reedicións actuais. Resúltanos custoso atopar libros de López Abente nas bibliotecas. Parece un escritor proscrito, un persoeiro sen valor. Trabucariámonos ao non citalo como membro do Seminario de Estudos Galegos, militante das Irmandades e do Partido Galeguista.
Meses antes de que Atila violase a liberdade e xa defunto Antón Villar Ponte (e aínda non hai unha fundación dos irmáns Villar Ponte!), o irmán deste, Ramón, acabaría por turrar do proxecto de aquel: a creación da Asociación de Escritores de Galicia. A súa presidencia ocupouna Gonzalo López Abente, unha elección nada fortuíta.
Degoiramos unha venturosa travesía á Fundación do poeta das terras de Nemancos.
0 comentários :
Danos a túa opinión