María Xosé Lamas.- Este martes, unha parella co seu fillo paseaba as rúas de Lugo estreando o San Froilán. Con sorrisos e entretidas e arroutadas conversas agasallaban aos seus veciños no seu galego castelanizado ou o seu castelán galeguizado, coma sempre. Eran o Pelúdez, a súa dona Filomena e o seu fillo, Peludeciño. Os tres persoeiros máis relevantes de Lugo nestas sinaladas datas.
Atopeime con eles no concerto de Di Elas, onde un Luís Tosar entregado facía as ledicias do seu público incondicional que, por certo, era ben numeroso. Como nos coñecemos de vello, saudámonos afectivamente antes de comezar a vibrar coa música do grupo lugués. Na conversa que mantivemos por uns intres, decateime que seguen a estar informados de canto acontece polo mundo e sendo críticos con todos aqueles feitos que día tras día van acontecendo no devir dos tempos. A eles non hai quen os cale. Con eles non serven as restricións da liberdade de expresión, non serven as cotas que tentan poñer os politicamente correctos, son xenerosos nas palabras e nos feitos que amosan as súas inquedanzas cun humor tan castigado como irredento.
Atopei cun Pelúdez despistado, levado da man e o coraxe da súa dona, pola que semella que non pasen os anos, cun smartphone táctil na man, do que estaba máis pendente ca do concerto. Non obstante, o paraugas estaba no seu lugar habitual – colgado do colo da chaqueta- e a pucha, estreada para a ocasión, na cabeza cubrindo o seu xa pouco cabelo máis branco ca negro. Para el os anos non pasan en balde…
A Filomena, eternamente moza, divertíase ollando a actuación lucindo o aspecto san de sempre e pendente do seu home e do seu fillo, como corresponde. Pois, a pesar dos seus xa moitos anos, a vitalidade que amosa é digna de ser envexada por moitas donas que se renden ao máis pequeno atranco. O seu proceder semella moitas veces inconsciente, mais non é así. Sabe ben como é o chan que tripa, coñece aos seus e aos outros… e obra en consecuencia. Eu quixera ser como a Filomena!
E o Peludeciño non medra, ou máis ben, semella que non madura ao ritmo dos comúns mortais. Pero non é así. Só hai que fixarse na súa indumentaria: pantalóns vaqueiros, camisa de cadros, chupa de coiro… Medra, si; vai cos tempos e as circunstancias aparellado ao desenvolvemento do cotiá. Casara, non si? Pois este martes estaba cos seus pais, sen dona…. Acaso para el tamén mudou a realidade… acaso non se ceibe dos sentimentos e emocións, das vivencias e os atrancos que a moitos nalgún momento nos acontecen na vida. Segue a mostrar a mesma inxenuidade, a amosar o mesmo espírito de adolescente entrado en anos que mantivo dende sempre, pero con unha madurez patente. Xa non é quen de personificar o futuro, senón o presente vivido día a día.
Despois dunha parolada graciosa, despedímonos, seguros de vernos para o vindeiro San Froilán. Que así sexa!
0 comentários :
Danos a túa opinión