María Xosé Lamas.- "Cada día un poema / un alborozo que ceibar a ningures / como unha volátil pregunta que navega / sucando o transparente océano do aire (…)". Así comeza un dos primeiros poemas do libro Nos labirintos da alma, de Martiño Maseda Lozano, presentado o pasado mes de agosto xunto co titulado Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza, ámbolos dous gañadores do segundo e primeiro premio, respectivamente, doa XXXVI edición do Certame Literario de Vilalba do ano 2010, e que o Concello edita en Espiral Maior – por fin- como parte fundamental do galardón acadado polos poetas.
Martiño Maseda Lozano (Xoibán-Vilalba,1970) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC. Colaborador tamén do suplemento A Chaira do xornal El Progreso, a súa obra veu a luz en diferentes revistas e libros colectivos, tendo sido galardoado, entre outros, cos premios Certame de Contos para a Mocidade (Ourense 1999), Premio de Poesía Alonso Morgado (Huelva, 2003) e Certame de Narración Curta Ánxel Fole (Lugo, 2009 e 2011). No ano 2005 obtivo o Primeiro Premio do Certame Literario do Concello de Vilalba co libro de poemas Diario dun ser perdido (Inédito).
Nos labirintos da alma, segundo premio do Certame Literario do Concello de Vilalba, é o primeiro libro individual publicado polo autor. No mesmo acto de presentación deste poemario deuse a coñecer o fallo do xurado doa XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba , no que volveu a resultar gañador do segundo premio, polo que agardaremos só un ano para que vexa a luz un novo libro deste prolífico escritor, aínda en moitos eidos descoñecido, pero cada vez máis próximo e merecedor da nosa maior consideración.
“Cada día un poema” resulta a frase descritiva desta obra que nos ocupa. Martiño Maseda escribe durante un período determinado un poema día a día no que resume as inquedanzas cotiás a cerca da súa propia existencia, inseríndose “nos labirintos da alma”, da súa, que sente, pensa, desexa, anhela… e trema ante os avatares existencias do pensamento.
Con palabras claras, con frases –versos- axeitadas, fainos partícipes de sensacións que calquera de nós, os seus lectores, podemos acopiar e sentilas como propias. Na súa poesía, enchida de significado, non hai cabida para imaxes absurdas, para xogos de palabras inintelixíbeis; atopamos nela, pola contra, unha linguaxe clara, directa e dirixida ao máis profundo das conciencias que farán eco dela.
Agardamos que siga comunicándonos dese xeito tan fermoso as súas teimas, os seus sentimentos, con ás para voar sobre esta Chaira á que ama a conciencia. Estaremos atentos ás súas palabras, aos acenos nelas agochados, para descubrir unha alma verdadeira, sensíbel, e ateigada de sentires nun tempo, o noso, tan baleiro. Deixémonos impregnar pola súa tenrura en cada verba, para que sintamos, tamén nós, útil a propia existencia.
0 comentários :
Danos a túa opinión